CRTVG

Buscar

Sánchez e Ayuso crean un grupo covid−19 para coordinar as medidas

Publicado o 21/09/2020 15:59

O ministro e o conselleiro madrileño de Sanidade, a ministra de Política Territorial e o vicepresidente da Comunidade forman o grupo de traballo para frear a expansión da COVID−19 en Madrid. Reuníranse unha vez por semana, tal e como acordaron horas antes Pedro Sánchez e Isabel Díaz Ayuso. O presidente do Goberno ofreceulle á comunidade rastrexadores, forzas armadas e policía, reforzos na atención primaria e medios de desinfección. Sánchez non avaliou as restricións que este luns entraron en vigor nin instou a Ayuso a pedir o estado de alarma.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno, dixo: "Estamos aquí para apoiar, para axudar, non para tutelar nin avaliar ou suplantar unha administración que ten as súas facultades perfectamente recollidas na lei e na Constitución española. E estamos listos para considerar outros escenarios se fose preciso".

A presidenta madrileña demandou tests serolóxicos en Baraxas, incentivos para atraer médicos a España e unha lei nacional de pandemais que unifique, por exemplo, as normativas sobre as corentenas.

Para Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, "só con actuacións conxuntas, onde haxa un paraugas nacional, imos poder sacar adiante esta situación. Madrid sabe o que ten que facer, pero sen este paraugas é dificil porque Madrid carece dos recursos e das competencias básicas para afrontalo".

Os dous coincidiron nos chamamentos á unidade porque, dixo o presidente, esta é unha batalla epidemiolóxica e non ideolóxica.

Noticias web

21/09/2020