CRTVG

Buscar

Sánchez di que "todo o Goberno" está comprometido coa "modernización da lexislación laboral"

Publicado o 25/10/2021 16:00
EFE

O xefe do Executivo, Pedro Sánchez, asegurou este luns que "todo o Goberno" está comprometido coa modernización da lexislación laboral e sinalou que unha negociación deste calibre "con vocación de perdurar" farase en España "como se fai en Europa", con diálogo social e consenso.

Sánchez fixo esta declaración na clausura do seminario 'Seguimento da recuperación: máis aló do PIB', poucas horas antas da reunión que esta tarde celebran os socios do Goberno de coalición, PSOE e Unidas Podemos, para tratar de reconducir a crise no seo do Executivo por discrepancias sobre a reforma laboral.

Nun foro en que previamente participou a vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Nadia Calviño, Sánchez asegurou que o cambio da normativa laboral persegue o triplo obxectivo de "extirpar" a precariedade laboral, impulsar a competitividade da economía e "restablecer o equilibrio" na negociación entre empresarios e traballadores. É neste ámbito onde fixo notar que "unha negociación así, con vocación de perdurar, farase en España como se fai en Europa, con diálogo social e con vocación de consenso".

Previamente, o presidente do Goberno defendeu "modernizar" as institucións para "garantir a máxima creación de oportunidades e a repartición máis xusta dos froitos dese crecemento económico", o cal debe facerse, recalcou, "co maior de consenso". "Porque durante esta última década sufrimos en España moitísimas contrarreformas", lembrou ao mencionar expresamente a reforma laboral e a das pensións co propósito de resaltar que ambas "crebaron o diálogo social".

Expuxo o presidente as principais medidas que o Executivo puxo en marcha para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, que loite contra a pobreza e asuma os retos derivados do cambio climático, desde a lei do Cambio Climático ata o ingreso mínimo vital ou as subidas do SMI. Porque, salientou, o seu empeño é non só conseguir unha "recuperación xusta", senón actuar conforme ao criterio de que "se sufrimos a pandemia todos, todos temos que aproveitar e beneficiarnos da recuperación económica".

Concluíu a súa alocución cun recoñecemento expreso ao labor da vicepresidenta Calviño e mostrouse orgulloso de liderar un Goberno que acomete uns debates "necesarios e imprescindibles se queremos acertar e corrixir moitos erros que se cometeron no pasado e mirar ao futuro con maiores garantías".

Noticias web

25/10/2021