CRTVG

Buscar

Sánchez di que "non haberá independencia de Cataluña" se o PSOE goberna

Publicado o 18/03/2019 11:53

O comité federal socialista confirmou as discrepancias de Pedro Sánchez e Susana Díaz. A dirección actual do partido excluíu os afíns á ex-presidenta andaluza. Susana Díaz lamentou que non houbera acordo pese a que, segundo dixo, estivo sempre aberta ao diálogo con Sánchez.

"Tomo nota", dixo Susana Díaz, responsable da maior federación do PSOE, que emitiu un voto particular na comisión de listas.

Pedro Sánchez salientou ante o Comité Federal do PSOE que o tren do cambio "non se vai deter" e que seguirá apostando polas políticas sociais, pola "España dos valores colectivos" e polo diálogo político. Afirmou que os problemas "non se solucionan con posicións ultras" nin coa "vetocracia" e censurou especialmente o que denominou como "cordón sanitario da dereita".

Sánchez explicou que lle atribuíron "un inexistente acordo cos independentistas cataláns" e afirmou que nunca se vai apartar da vía constitucional.

O punto de contestación púxoo Susana Díaz, que ordenou votar en contra das listas das catro provincias andaluzas nas que non houbo acordo coa executiva de Pedro Sánchez e algo semellante sucedeu con Aragón.




 

Noticias web

18/03/2019