CRTVG

Buscar

Sánchez di que defenderá os cidadáns fronte "a calquera interese e presión particular"

Publicado o 15/09/2021 09:54

• Casado dille que dimita "por ser incapaz de resolver os problemas"

• As eléctricas critican as medidas do Goberno, e as nucleares ameazan con parar a produción

 

O Congreso dos Deputados celebrou este mércores a primeira sesión de control do curso político, marcada polo prezo da luz e a mesa de diálogo entre o Goberno e a Generalitat. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, advertiu de que sempre vai defender o interese xeral por enriba de "calquera presión ou interese particular", mentres que o líder do PP Pablo Casado o acusouno de liderar un Goberno "frustrado" e converterse no primeiro problema de España.

Casado lembroulle a Sánchez cando esixía dimisións ao Executivo de Mariano Rajoy pola suba da luz e pediulle que dimita por non ser capaz de atallala. Ademais, emprazouno a "resolver xa a crise social e económica de España". "Xa non queda nada de vostede, traizoou todas as súas promesas", espetoulle. Casado asegurou que é Sánchez o que "sobra" porque dirixe o Goberno "máis radical" de Europa e é "incapaz de resolver os problemas dos españois" porque se converteu no "principal problema de España".

presidente do Executivo reprochoulle a Casado que non vaia arrimar o ombreiro nesta lexislatura e que volvese ao novo curso político coa "crispación". Destacou que o Goberno "lidera a vacinación" e vai ocorrer o mesmo coa recuperación económica, á vez que destacou a súa xestión na evacuación de Afganistán. Sánchez criticou que a oposición sosteña que as súas medidas contra a subida do prezo da luz son "confiscatorias" e recalcou que se trata de que os beneficios extraordinarios das grandes empresas revertan en beneficio dos cidadáns.

Así, asegurou Sánchez que sempre defenderá na crise da luz os intereses dos cidadáns "por enriba de calquera interese e presión particular".

Ribera: as medidas non poñen en cuestión a rendibilidade das eléctricas

A ministra para a Transición Ecolóxica, e tamén vicepresidenta do Goberno, Teresa Ribera dixo nunha entrevista en TVE que a rendibilidade das eléctricas está "fóra de cuestión" a pesar das medidas adoptadas. "Outra cousa é que preferisen que isto lles pasase de lado", engadiu.

Para Ribera as críticas do sector eléctrico son unha primeira reacción "en quente", pero que as compañías deberían entender o contexto actual do país e a necesidade destas medidas. A ministra asegurou que é razoable que se limiten os beneficios que obteñen as compañías con centrais que non usan gas nin se ven afectadas polo prezo das emisións de CO2.

Tamén dixo que as empresas eléctricas, aínda que non foron chamadas a negociar, sabían o contido das medidas que ía aprobar o Goberno. Xustificou a urxencia do decreto en que se achegaba "un outono complicado" e que obrigaba a actuar para que "a suba non repercuta con tanta intensidade nos petos das economías doméstica e industrial".

E respecto á advertencia do Foro Nuclear de que as centrais terían que parar, Ribera recordou que non o poden facer por si sós, senón que deben ser autorizadas e Red Eléctrica, o operador do sistema, ten que informar se o peche pon en risco a seguridade da subministración.

Noticias web

15/09/2021