CRTVG

Buscar

Sánchez deséxalle sorte a Pablo Iglesias e suxire que aceptará a Yolanda Díaz como vicepresidenta

Publicado o 15/03/2021 17:04
Sánchez deséxalle sorte a Pablo Iglesias e suxire que aceptará a Yolanda Díaz como vicepresidenta

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, referiuse ao anuncio de Pablo Iglesias de abandonar o Executivo para presentarse como candidato á Presidencia da Comunidade de Madrid na conferencia de prensa que ofreceu xunto ao presidente de Francia, Emmanuel Macron, ao termo do cume hispano-francés na localidade gala de Montauban.

O xefe do Executivo explicou que esta mañá falou con Iglesias e desexoulle sorte, e subliñou que será nos próximos días cando decidirá os cambios que conleva a súa saída do Goberno. 

Pero chanceou sinalando que lle deu algo menos de sorte que ao candidato do PSOE á Presidencia da Comunidad de Madrid, Ángel Gabilondo, ao que se enfrontará Iglesias como o candidato de Unidas Podemos.

Pedro Sánchez dixo ter a mellor das opinións de Yolanda Díaz e, aínda que non confirmou se será vicepresidenta segunda tal e como propuxo o líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, suxeriu que o aceptará porque respecta os acordos que asina.

Iglesias asegurara que informara a Sánchez da súa decisión de abandonar o Goberno antes de facela pública e da súa proposta de que a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asuma a vicepresidencia segunda e entre no Executivo Ione Belarra como titular de Asuntos Sociais.

Sánchez sinalou inicialmente que será nos próximos días cando decidirá os cambios que conleva a saída de Iglesias do Goberno, aínda que afirmou ter a mellor das opinións de Yolanda Díaz.

A continuación é cando deixou entrever que aceptará que sexa vicepresidenta porque dixo que no acordo asinado con Unidas Podemos recollíase que este partido tería unha vicepresidencia.

"Non vai haber ningún problema nin malentendido. Vai haber continuidade, como non pode ser doutra forma", engadiu.