Sánchez deféndese do expediente aberto e di que a Xunta Electoral mudou o criterio
A precampaña péchase marcada polo expediente sancionador que a Xunta Electoral lle abriu a Pedro Sánchez por unha entrevista na Moncloa. O líder socialista di que non é o primeiro que o fai e cre que se trata dun cambio de criterio do órgano arbitral. O presidente do PP, Pablo Casado, di que é un feito gravísimo e espera que os españois o castiguen nas urnas.
Pablo Casado di que a entrevista de Sánchez na Moncloa é unha ofensa ás institucións, igual que o é, na súa opinión, o suposto uso partidista do CIS ou da televisión pública ou os anuncios dos chamados venres sociais.
Pablo Casado, presidente do PP, cre que "é un feito gravísimo. Quen pretenda ter un bo resultado instrumentalizando as institucións do estado non merece sair vitorioso destas eleccións. Espero que a sociedade española teña a madurez suficiente para xulgalo con xustiza e severidade nas urnas"
Pero o líder socialista deféndese: di que fixo o mesmo que os seus antecesores pero que agora o raseiro é outro.
Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, di que "é a primeira vez. É verdade que nestes últimos 40 anos o presidente do Goberno sempre fixo entrevistas na Moncloa. Parece que a Junta Electoral cambiou de criterio. Hai que acatar as normas"
Más País tamén denunciou ante a xunta electoral unha campaña en redes sociais e carteis para desmobilizar o voto ás forzas de esquerda e que Íñigo Errejón vincula co Partido Popular. Pablo Casado cre que é un intento de embarrar o terreo de xogo.