CRTVG

Buscar

Sánchez defende en Bruxelas unha aplicación efectiva dos fondos de reconstrución

Publicado o 23/09/2020 21:25

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, defendeu este mércores ante o comisario de Economía da Unión Europea (UE), Paolo Gentiloni, unha aplicación efectiva dos fondos europeos destinados á reconstrución tras a pandemia do covid-19 porque cre que é "vital" para garantir a recuperación.

Sánchez reuniuse con Gentiloni en Bruxelas, onde mantivo ao longo da xornada unha serie de encontros con diversas autoridades europeas e da OTAN. Tras verse con Gentiloni, o presidente do Goberno cualificou de "frutífera" a reunión e, na súa conta de Twitter, informou de que abordaran as perspectivas económicas da UE e o denominado Next Generation EU (Próxima Xeración UE). Con este nome coñécese o Fondo de Recuperación que impulsa a UE para axudar a superar a crise provocada polo coronavirus e que ten unha capacidade financeira de 750.000 millóns de euros, dos que 140.000 corresponden a España.

"Unha aplicación efectiva dos fondos europeos resulta vital para garantir a recuperación e transformación das nosas economías tras a COVID-19", subliñou Sánchez tras a súa entrevista con Gentiloni. Pola súa banda, o comisario de Economía, noutro comentario na mesma rede social trasladou a solidariedade da UE con España "neste momento tan difícil". "Traballaremos xuntos para a recuperación", engadiu Paolo Gentiloni.

Noticias web

23/09/2020