CRTVG

Buscar

Madrid volve estar baixo o estado de alarma

Publicado o 09/10/2020 20:14

As primeiras horas do estado de alarma na Comunidade de Madrid transcorren con normalidade nos numerosos controis policiais que se instalaron nas saídas e entradas á capital para vixiar o correcto cumprimento das restricións á mobilidade.

Máis de 7.000 axentes da Policía Nacional e da Garda Civil conforman o dispositivo de seguridade deseñado polo Ministerio do Interior que controlan os desprazamentos en Madrid e nos outros oito municipios da comunidade afectados polo estado de alarma.

Ao redor das dúas e media da tarde apostáronse os axentes nos principais puntos de saída da capital, aínda que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o decreto do estado de alarma ás 16.50 horas. 

Os axentes de Policía Nacional e de Garda Civil instalaron controis nas principais autovías, estradas rexionais e en todas as radiais para evitar a saída dos madrileños pola ponte do Pilar.

"A paciencia ten un límite"

O ministro de Sanidade anunciba o estado de alarma en Madrid nos próximos 15 días. "As medidas son exactamente as mesmas" que as que estaban vixentes, explicou Illa, aínda que cunha cobertura xurídica distinta.

"A paciencia ten un límite", indicou o ministro Illa, quen criticou a postura do goberno madrileño, "o maior cego é o que non quere ver".

Din en Moncloa que non lles quedou outra opción despois de que o goberno autonómico se negara a pechar a capital e ante a inminencia da ponte do Pilar.

Sánchez non participou no Consello extraordinario porque estaba en Barcelona, pero confirmoulle el mesmo a Ayuso a decisión. O goberno madrileño di que negociará todos os días para reverter o estado de alarma.

Ayuso prefería o confinamento por zonas

Tanto o Goberno autonómico como o alcalde de Madrid acusaron ao executivo central de negarse a negociar e de ignorar a melloría que estaban logrando coas súas propias medidas.

Para Enrique Ruíz Escudero, conselleiro de Sanidade de Madrid, "vai resultar moi difícil de entender que se aplique o estado de alarma cando as decisións que tomou a comunidade de Madrid van na dirección dun descenso claro desde o punto de vista epidemiolóxico e asistencial".

José Luis Martínez Almeida, alcalde de Madrid, cre que "triunfou a imposición, triunfou a falta de diálogo, de colaboración e a fixación que ten o Goberno coa comunidade de Madrid. Isto é un 155 sanitario á comunidade de Madrid".

O estado de alarma permítelle ao executivo impoñer con outra cobertura xurídica as mesmas restricións que este xoves tumbou o Tribunal de Xustiza de Madrid: entre outras, a prohibición de sair ou entrar no concello ou de reunírense máis de 6 persoas e limitacións ao 50% da capacidade dos locais comerciais.

Esta situación chega despois de que o Tribunal Superior de Madrid tombara a anterior orde de peche decretada polo Ministerio. E hoxe a Fiscalía madrileña anunciou que vai recorrer contra esa decisión así que seguirá tamén o pulso xudicial paralelo ao político.

Cronoloxía do pulso político

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xa lle comunicoara á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que o Goberno declararía este venres o estado de alarma en Madrid. 

Segundo fontes de Moncloa, na conversa que ambos mantiveron Ayuso pediulle a Sánchez máis tempo para decidir entre as opcións que o Goberno puxo encima da mesa tras tombar o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid as restricións. 

Pero o xefe do Executivo respondeulle que había que protexer a saúde pública xa e que se aprobaría o estado de alarma. 

Os dous acordaron que nos próximos 15 días os equipos seguirían falando dos escenarios. O Goberno lembra que Sánchez lle deu a Ayuso cando falaron onte tres escenarios posibles: que a Comunidade dite unha orde coas medidas especiais, que solicite a declaración do estado de alarma para que sexa o Goberno conxuntamente coa Comunidade quen o declare e ratifique as medidas en cuestión, ou que o Executivo sexa quen tome directamente a decisión de declarar a alarma. 

Segundo Moncloa, Sánchez díxolle á presidenta rexional que "por cortesía" podía atrasar o Consello de Ministros das 8.30 da mañá ás 12.00. Pero Ayuso non chamou a Sánchez ata despois de comezar o Consello. 

A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, pola súa banda, púxose en contacto co vicepresidente madrileño, Ignacio Aguado, para comunicarlle que acababa de arrincar o Consello de Ministros e que Ayuso non chamara a Sánchez. 

Despois produciuse a citada conversación en que o xefe do Executivo informou a Ayuso da declaración da alarma. 

Feijóo ve un "fracaso político"

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, cre que a decisión do Goberno central de declarar o estado de alarma en Madrid é a "constatación dun fracaso político" e un "incumprimento do executivo". 

"O importante é o informe dos expertos médicos para contrarrestar a opinión do Goberno e de Madrid. Os cidadáns están perplexos e nós tamén, ante a modificación dun acordo que estaba adoptado", dixo Presidente da Xunta de Galicia.