CRTVG

Buscar

Sánchez debuxa un Goberno con catro vicepresidencias e 19 ministerios

Publicado o 11/01/2020 10:13

• O novo Goberno terá 6 ministerios de carácter económico coordinados pola vicepresidenta Nadia Calviño

O novo Goberno que presidirá Pedro Sánchez terá seis ministerios de carácter económico coordinados pola vicepresidenta Nadia Calviño. E dun dos retos máis importantes, a reforma das pensións, ocuparase José Luis Escrivá, que será o novo ministro de Seguridade Social, Inclusión e Migracións. Economista de prestixio internacional, sen filiación política, é o actual presidente da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal. Pronunciouse a prol de achegar a idade real de xubilación á idade legal e de ampliar a toda a vida laboral o período de cómputo para o cálculo das pensións.

Perfil económico tamén o da nova ministra de Asuntos Exteriores. Arancha González. É unha experta en comercio e relacións internacionais con vinte anos de traxectoria. Ocupou cargos relevantes na Comisión Europea, a Organización Internacional de Comercio e a ONU e participou nas negociacións de numerosos acordos comerciais.

Este venres tamén coñecemos que Salvador Illa será o ministro de Sanidade. Con el Sánchez primou o perfil político. É o número dous do Partido Socialista Catalán, man dereita de Iceta. Foi un dos negociadores do pacto con Esquerra para a investidura. Ten experiencia de xestión no ámbito municipal e na Generalitat durante o tripartito que presidiu José Montilla.

 

Saen catro ministros e repiten oito 

Catro dos actuais ministros en funcións non seguirán no Goberno.  Sánchez non conta con Magdalena Valerio nin con Dolores Delgado, tocada polas gravacións de Villarejo. Tampouco repetirán Luisa Carcedo e Rafael Girao. Ambos entraran no executivo tras as crises de goberno polas dimisións de Máxim Huerta e Carmen Montón.   Aínda así, son máis os que revalidan o cargo. MaríaJesús Montero gaña peso. Ademais de levar Facenda será a voceira do Goberno, quitándolle a tarefa a Isabel Celaá, que repite como ministra de Educación.

Tamén continúa Grande-Marlaska en Interior e Ábalos cámbialle o nome á súa carteira: Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. Segue Robles en Defensa, Maroto en Industria, Planas en Agricultura e Duque en Ciencia. Perde, iso si, a competencia de Universidades, que pasa a ser un dos catro ministerios que leva Podemos. E a maiores, Pablo Iglesias terá unha das catro vicepresidencias. Tanto Podemos como o PSOE negan que se dilúa o seu papel no goberno. 

Tamén vai transcendendo o nome de novos altos cargos. A xuíza a ex-deputada de Podemos, Victoria Rosell será a delegada do Goberno para a violencia de xénero.

Co novo Ministerio da Seguridade Social, Inclusión e Migración, Sánchez reserva para o PSOE unha das principais partidas orzamentarias do Estado. Terá como eixe central as pensións e como reto a reforma do sistema.

Coa carteira de Seguridade Social, Inclusión e Migración, José Luis Escribá dirixirá o ministerio que move máis cartos. Só coa Seguridade Social os ingresos e gastos superan os 140.000 millóns de euros, para o pagamento das pensións cada mes. Un asunto esencial para os sindicatos, que recean da repartición de competencias co Ministerio de Traballo.

 

Os ministros confirmados ata o de agora do Goberno de Pedro Sánchez

 Vicepresidenta primeira, ministra da Presidencia e Relacións coas Cortes: Carmen Calvo.

Vicepresidente de Dereitos Sociais e Axenda 2030: Pablo Iglesias.

Vicepresidenta para Asuntos Económicos e Transformación Dixital: Nadia Calviño.

Vicepresidenta para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico: Teresa Ribera.

Portavoz do Goberno e ministra de Facenda: María Jesús Montero.

Ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación:  Arancha González Laya.

Ministra de Defensa: Margarita Robles.

Ministro de Interior: Fernando Grande-Marlaska.

Ministra de Traballo: Yolanda Díaz.

Ministro de Seguridade Social, Inclusión e Migracións: José Luis Escrivá.

Ministro de Consumo: Alberto Garzón.

Ministro de Sanidade: Salvador Illa.

Ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana: José Luis Ábalos.

Ministra de Industria, Comercio e Turismo: Reyes Maroto.

Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación: Luís Planas.

Ministra de Educación e Formación Profesional: Isabel Celáa.

Ministro de Ciencia e Innovación: Pedro Duque.

Ministro de Universidades: Manuel Castells.

Ministra de Igualdade: Irene Montero. 

Ministra de Política Territorial e Función Pública: Carolina Darias




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2020