CRTVG

Buscar

Sánchez cre que se afianza a recuperación, asegura cumprir compromisos e pide unidade

Publicado o 29/07/2021 12:37

Foto: EFE

O presidente do Goberno Pedro Sánchez apelou este xoves á unidade para poder superar a pandemia e animou a cidadanía a facer un esforzo máis e non baixar a garda.

Sánchez compareceu na Moncloa para facer balance do primeiro semestre desde ano 2021 e cualificou como "fundamental" a unión entre os españois para afrontar a crise sanitaria e advertiu de que o virus "segue ameazando a nosa forma de vivir".

Medalla de ouro en vacinación

Congratulouse das altas taxas de vacinación de España, que situou entre os cincuenta primeiros países do mundo: logrou "a medalla de ouro", dixo Sánchez, e lembrou que algo máis do 55 % da poboación española xa ten a pauta completa.

Non obstante, admitiu que, coa aparición do variante delta, máis transmisible que as demais, "probablemente" a porcentaxe para alcanzar a inmunidade de grupo deba ser superior ao 70 por cento.

O virus segue estando aí "e non hai que baixar a garda", pero os esforzos que están a facer as comunidades autónomas por conter a súa quinta sacudida "empezan a ter os seus resultados", e a curva empeza a estabilizarse.

Recuperación económica

Precisamente, o proceso de vacinación foi sinalado neste balance como o principal factor para afianzar a recuperación económica e social. Sánchez, nese sentido destacou os datos da EPA que se publicaron hoxe: "Situámonos xa nuns niveis de ocupación de 19,6 millóns de persoas", dixo. 

Tamén puxo de relevo as últimas previsións do FMI que sitúan a España como a economía desenvolvida que liderará o crecemento económico en 2022, cunha suba do PIB do 5,8 por cento. 

Sánchez confirmou que o próximo Consello de Ministros vai prorrogar as medidas que conforman o chamado "escudo social" coa intención de protexer os máis vulnerables e os sectores máis expostos por causa da pandemia. Ademais, destacou os once acordos alcanzados cos axentes sociais.

Compromisos do Goberno

No seu balance, Sánchez asegurou que o Executivo cumpriu xa o 32,8 por cento dos compromisos que adquiriu no seu debate de investidura e no seu pacto de coalición con Unidas Podemos.

Segundo o xefe do Executivo, iso demostra que o Goberno está decidido a "avanzar cara a un futuro mellor, sen deixar a ninguén atrás" e cumpre as súas promesas.

De igual modo, fixo un chamamento para que todos remen na mesma dirección. "Non nos imos deter. E se alguén quere instalarse na negatividade, no pesimismo e na confrontación, non vai atopar o Goberno", subliñou Sánchez.

Chamamento ao Partido Popular

O presidente do Goberno subliñou que a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) está pendente desde hai 968 días e pediu reiteradamente ao PP que cumpra a Constitución, abandone o bloqueo e permita a súa remuda.

Na súa opinión, nun momento como o actual "aínda é máis necesario cumprir a Constitución e rexenerar a vida democrática", pero iso "esixe que o PP abandone a posición de bloqueo e cumpra coa Constitución".

Sánchez sinalou que a renovación dos órganos constitucionais é unha "obrigación constitucional" que o Goberno está disposto a cumprir, pero para a que depende do acordo co principal partido da oposición.

Segundo Sánchez, o Executivo leva "tres anos tendendo a man ao PP para renovar e cumprir coas obrigacións constitucionais" ata o punto de que llo ofreceu en catro ocasións, "pero que o PP cumpra coa Constitución a experiencia indica que non depende do Goberno senón do PP".

Conferencia de presidentes

Ademais, Pedro Sánchez lamentou que o presidente da Generalitat Pere Aragonès non acuda á Conferencia de Presidentes, en que se tratarán temas "moi importantes" tamén para os cataláns, sexan ou non independentistas: "Paréceme que é unha pena que non sexa escoitada a súa voz".

Os fondos europeos e o reto demográfico son dúas cuestións que se tratarán na cita de mañá e que tamén afectan os cataláns, subliñou Sánchez, que tamén lembrou que se celebrará con Cataluña unha reunión bilateral o 2 de agosto, como marca o Estatuto de Autonomía.

E falando das críticas da oposición, tamén á Conferencia de Presidentes, Sánchez insistiu en que o diálogo "é un valor en si mesmo", e subliñou que "unha oposición destrutiva" no momento histórico que vive o mundo coa pandemia "non ten lugar, non hai espazo para iso".

Noticias web

29/07/2021