CRTVG

Buscar

Sánchez convoca os presidentes autonómicos, por videoconferencia, para buscar unha resposta común

Publicado o 11/03/2020 15:22

As medidas que se aproban mañá son urxentes, a maioría por decreto, e moitas inéditas.

Como a prestación para compensar os pais que teñan que quedar na casa cos fillos polo peche dos colexios nalgunhas comunidades. Poderán pedir redución ou suspensión de xornada e o Estado compensaralles os ingresos, sen custo para a empresa. Será a cargo da Seguridade Social.

Tamén aprobarán moratorias para aprazar os pagos á Seguridade Social de empresas e autónomos ata un ano sen intereses. Sempre limitadas aos sectores máis afectados.

Todas as medidas se negociarán cos axentes sociais e buscan reducir o máximo posible o impacto do virus sobre a economía.

Haberá tamén partidas extraordinarias para garantir a subministración nos hospitais. E quedan suspendidas todas as oposicións á Administración xeral que se ían celebrar nas próximas semanas.

Desde o PP celebran que o Goberno reaccione, malia que pensan que o fai con certo atraso. Pablo Casado garántelle a Pedro Sánchez a lealdade que este, di, non tivo con Rajoy durante a crise do ébola.

O voceiro do Goberno nesta epidemia, Fernando Simón, admitiu hoxe que o domingo á primeira hora da tarde comezaron a recibir informacións que apuntaban a un aumento dos casos en Madrid. Simón explicou que non se estimou oportuno suspender a manifestación do 8-M porque eses datos non se confirmaron ata a mañá do luns.

 

 

Noticias web

11/03/2020