Sánchez confía en que empece a vacinación en decembro
Pedro Sánchez confía en que os españois empecen a vacinarse xa en decembro. Díxoo nunha entrevista realizada esta mañá en Televisión Española. Sobre a volta ao colexio, insiste en que é segura, pero deixa no aire as baixas retribuídas para os pais que perdan de traballar por ter os fillos en corentena. Di que se está negociando cos axentes sociais.
Calcula que o PIB caerá este ano un 10% e non descarta subir impostos. "É un feito que España recauda menos que a media da Unión Europea. Temos un problema importante coa recadación de impostos", apuntou Sánchez.
Falou tamén da posible fusión de CaixaBank e Bankia. Cre que será positiva e explica por que non informaron os ministros de Podemos da operación. Di que "é unha información moi sensible, que a sabían os responsables de economía do Goberno de España, pero non o resto, porque hai que garantir esa confidencialidade".
Sobre Cataluña, dixo que esta semana chamará a Torra para pechar unha reunión e mantén o compromiso de revisar o delicto de sedición, "non só dende o punto de vista legal, senón tamén da ruptura emocional que isto está representando para parte da sociedade catalá, ante a que temos que ser empáticos e sensibles".
Na entrevista, Sánchez asegurou que en agosto mantivo contactos co PP para renovar diversos órganos constitucionais, pero que os populares romperon o acordo, polo que buscará unha maioría parlamentaria alternativa.