CRTVG

Buscar

Sánchez: "Esta será a lexislatura do diálogo: social, territorial e xeracional"

Publicado o 12/01/2020 14:12
Sánchez: "Esta será a lexislatura do diálogo: social, territorial e xeracional"

Pedro Sánchez, presidente do Goberno, informará hoxe o Rei da composición do novo executivo, que debuta o vindeiro martes co seu primeiro consello de ministros. Tamén está previsto que ofreza despois unha declaración institucional na Moncloa, arredor das 14:00 horas.

Nesta declaración, Sánchez especificará a composición e obxectivos do seu goberno, un formato que é, segundo a Secretaría de Estado de Comunicación, "habitual nos últimos anos".

A totalidade dos membros do novo executivo coñeceuse este sábado. Está integrado por 22 ministros e é o segundo máis numeroso da democracia, despois do de Adolfo Suárez. Once mulleres formarán parte do gabinete: tres serán vicepresidentas (Carmen Calvo, Nadia Calviño e Teresa Ribeira), unha portavoz do Goberno e ministra (María Jesús Montero) e outras sete capitanearán unha carteira: Arancha González Laya, Margarita Robles, Yolanda Díaz, Reyes Maroto, Isabel Celaá, Irene Montero e Carolina Darias.

Unha vez informado o Rei, o novo consello de ministros manterá o martes a súa primeira reunión, tras a que o presidente do Goberno ofrecerá unha rolda de prensa. 

O novo Goberno de coalición de Sánchez

Un novo abrazo entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, neste caso ao remate da segunda votación de investidura, abría o paso a un goberno de coalición, inédito ata o de agora en 42 anos de democracia. O próximo consello de ministros será substancialmente máis amplo ca o anterior. Pasa de 17 a 23 integrantes, con Pedro Sánchez encabezando un executivo de 22 carteiras ministeriais, nas que se acentúa o perfil económico.

Entre esas carteiras figuran as catro vicepresidencias, copadas por tres mulleres socialistas, que constituíron un golpe de efecto mediático: Carmen Calvo no Ministerio de Presidencia e Relacións coas Cortes, Nadia Calviño en Asuntos Económicos e Teresa Ribera en Transición Ecolóxica, con Pablo Iglesias, que accede ao segundo chanzo gobernamental encargado de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Debutan no cargo seis ministros pola parte socialista. Son Carolina Darias en Política Territorial, Rodríguez Uribes en Cultura e Juan Carlos Campo en Xustiza, os tres coñecidos onte xa case sobre a campá. Acompañaranos González Laya en Exteriores, José Luis Escrivá para Seguridade Social e Salvador Illa en Sanidade. 

Ademais de Pablo Iglesias, Unidas Podemos incorpora as catro carteiras xa coñecidas: Yolanda Díaz en Traballo, Manuel Castells para Universidades, Irene Montero en Igualdade e Alberto Garzón en Consumo.

E estes son os vellos coñecidos, que repiten carteira: María Jesús Montero en Facenda, reforzada agora como voceira do Goberno; Celáa en Educación, Grande-Marlaska para Interior e Ábalos en Transporte e Mobilidade, ademais de Margarita Robles en Defensa, Reyes Maroto en Industria, Luis Planas en Agricultura e Pedro Duque en Ciencia e Innovación. En definitiva, unha combinación de once debutantes e once ministros xa veteranos.