CRTVG

Buscar

Sánchez comunicará desde Bruxelas a data da investidura

Publicado o 02/07/2019 09:20

• O presidente en funcións convocará unha nova rolda de consultas

O 23 de xullo é a data que arestora cobra forza para o debate da primeira sesión de investidura de Sánchez. O presidente do Goberno en funcións, que segue en Bruxelas, comunicará desde alí por carta e telefonicamente esa data á presidenta do Congreso, Meritxel Batet. Ponse así en marcha o reloxo que, de non haber acordo, levaría a unhas novas eleccións no mes de novembro.

Pedro Sánchez ten previsto abrir unha nova rolda de contactos en canto regrese de Bruxelas, desde onde hoxe comunicará a data da investidura á presidenta do Congreso,  "e cumprir así cos prazos que din para que haxa unha investidura en xullo", declarou o presidente do Goberno en funcións. 

Desde Madrid, o Goberno en funcións únese á presión aos grupos parlamentarios, aos que piden resonsabilidade para evitar unha repetición electoral: que permitan que o país comece a andar xa, este mesmo mes, "non en agosto e non en setembro, porque como o di o presidente queremos que o país funcione desde xa", dixo Isabel Celaá a ministra de Educación e voceira do goberno en funcións. A viceporesidenta, Carmen Calvo, espera "que o debate de investidura sexa a oportunidade de que todos vexan como propoñemos obxectivos para España e respostas aos problemas."

Pero desde a dereita consideran que todo é unha pantomima. Ignacio Aguado de Ciudadanos di que Sánchez ten os escanos suficientes para formar goberno e leva dous meses "mareando a perdiz". "Xa dixo que o seu socio preferente é Podemos, ten o apoio dos nacionalistas, vanse abster os seus socios de Esquerra Repiblicana de Bildu, ou sexa que que non maree máis", dixo.

Pablo Casado, o presidente do PP afirma que o PSOE creou a situación na que estamos cando decidiu volcar a política española cara ao extremo esquerdo" e o ex-presidente Aznar engade que "os xogos tácticos teñen que ter un límite".


En Podemos afirman que seguen á espera de que Sánchez lles faga unha proposta concreta. "Non concebiamos que Pedro Sánchez puidese ir a unha investidura frustrada porque cremos que isto é máis serio e non ten o apoio de absolutamente ningunha forza política, así que pensamos que ten que reprogramar a estratexia", explicou Noelia Vera. 

Para José Luis Rodríguez Zapatero. o ex-presidente do goberno "Eles (Unidas-Podemos ) teñen dereito a estar nas institucións- "por suposto, -dixo- e a propoñer as súas bazas políticas, e eu son partidario de falar".

Os de Iglesias advirten que, se non cambian as cousas, non votarán a favor da investidura de Sánchez nesta primeira volta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/07/2019