Sánchez compromete todos os medios para o retorno dos menores de Ceuta

EFE
EFE
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comprometeuse a activar todas as capacidades e recursos dispoñibles do Estado para o retorno asistido dos menores non acompañados que permanecen na cidade autónoma de Ceuta desde a chegada masiva, a mediados de maio, de 12.000 inmigrantes.
Un compromiso que Sánchez trasladou este mércores ao presidente de Ceuta, Juan Jesús Vivas, nunha reunión no Palacio da Moncloa convocada polo xefe do Executivo este martes pola tarde para tratar de buscar unha solución á permanencia dos menores na cidade autónoma. Sempre tendo presente o interese superior do menor, o Goberno, segundo explicaron Vivas en conferencia de prensa, poñerá todos os medios para que os menores poidan retornar "de acordo coa interpretación das leis que fagan os tribunais".
Unha das posibles solucións que está sobre a mesa é trasladar os menores, máis de 700, a centros de acollida doutras comunidades. Con todo, o Goberno insiste en que o seu obxectivo é axilizar o retorno dos rapaces a Marrocos coas súas familias. Varios grupos volveron pedirlle explicacións ao ministro do Interior despois do novo pau da xustiza ás repatriacións rápidas e o PP dá un paso máis e reclama a dimisión de Grande-Marlaska.