CRTVG

Buscar

Sánchez non tira a toalla con Unidas Podemos pero ve "recíproca desconfianza"

Publicado o 07/08/2019 18:52

Pedro Sánchez chegou ao palacio de Marivent 50 minutos máis tarde do previsto. Agardábao un Filipe VI a quen lle dixo que, coma el, non quere a repetición electoral e que non tira a toalla para intentar formar un goberno progresista. Pero Sánchez dá a entender que desta volta non haberá oferta de coalición: di que foi Unidas Podemos quen a rexeitou o 25 de xullo, e que, desde entón, as relacións empeoraron.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións: "De tantas veces dicir que desconfía do Partido Socialista, acabei por desconfiar eu tamén das posicións do señor Iglesias e de Unidas Podemos. Por tanto, é recíproca esa desconfianza".

Sánchez di que hai outras fórmulas, entre as que citou o acordo de investidura ou de lexislatura. Tamén volveu pedir a abstención de Ciudadanos e do PP. Di que non hai outra alternativa nin ve viable outro candidato.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións: "Aquelas formacións políticas que están propoñendo outras opcións pero que no fondo o que están dicindo é que non van apoiar nin a facilitar a investidura dun presidente socialista e dun goberno progresista, loxicamente o que están facendo é abocar o país á repetición electoral o vindeiro 10 de novembro, e creo que é unha tremenda irresponsabilidade".

Sánchez advirte de que mentres non haxa goberno non poderá atender as demandas de financiamento das comunidades autónomas ou as reformas precisas para afrontar a ralentización da economía.

 

 


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/08/2019