CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez chamará a PP, C's e Podemos para negociar a investidura

Publicado o 07/06/2019 08:53

• "Non hai outra alternativa posible, ou goberna o Partido Socialista ou goberna o Partido Socialista"

PP e Ciudadanos comezan as conversas para chegar a acordo na Asemblea e no Concello de Madrid

Tras ser proposto polo rei como candidato á investidura, Pedro Sánchez anuncia para a próxima semana contactos cos outros tres grandes partidos. Chamará a Podemos, Ciudadanos e Partido Popular, en principio, sen priorizar a ningún deles, e para abir unha etapa que o presidente en funcións denominou "de compromiso e encontro".

Pedro Sánchez compareceu ás nove e media da noite, despois de que o rei Filipe VI lle fixera o encargo de formar goberno. Un encargo que, dixo, asume con responsablidade e gratitude. Despois deixou esa primeira mensaxe ao restos dos partidos: "Os españois foron claros co seu voto o 28 de abril e tamén o 26 de maio: queren que goberne o Partido Socialista. Non hai outra alternativa posible, ou goberna o Partido Socialista ou goberna o Partido Socialista". 

E desde esa posición, e sen facer mención esplícita nin especial a ningún deles, Sánchez anunciou que chamará os líderes de Podemos, Ciudadanos e Partido Popular para propoñerlles que apoien a estabilidade dun goberno que, explicou, busca o consenso en catro grandes áreas que considera retos ineludibles para o futuro do país: a transición ecolóxica, a dixitalización da economía, a loita contra a desigualdade e a construcción europea.

"O emprego a dignidade laboral e salarial, a educación, o sostemento das pensións, a competitividade e internacionalización das nosas empresas, a loita contra a exclusión social, o combate sen cuartel contra a violencia machista... calquera dos desafíos que calquera dos españois que non ven ten en mente atopan reflexo nestas catro grandes áreas que, durante a lexislatura, imos propoñer ao resto da cámara", afirmou o candidato proposto polo rei para tentar ser investido como presidente do Goberno.

A proposta de Pedro Sánchez arrefría aparentemete as expectativas de Podemos para entar nun goberno de coalición.

"A propósito das propostas, o primeiro non é falar de ministros e ministas, o primeiro é falar dos programas e despois xa veñen os equipos. E aí nós non imos poñer ningun veto ao partido socialista e estouy convencido de que o PSOE non fará ningún veto porque a época nos vetos en España xa rematou", aseverou Pablo Iglesias, o secretario xeral da formación morada. Podemos insiste en que a súa presenza no Consello de Ministros é a opción que garante as políticas sociais.

Antes de escoitar a Sánchez, Albert Rivera negábase a calquera apoiou ou abstención e animaba ao presidente en funcións a apoiarse nos seus socios habituais: "Pídolle ao señor Sánchez que polo ben do país forme goberno cos seus socios, con aqueles que estivo gobernando comunidades autonomas, concellos, a moción de censura", declarou o presidente de Ciudadanos.

O líder do PP, Pablo Casado, si puxo sobre o taboleiro as negociacións en concellos e comunidades e, aínda que anunciou o voto negativo do PP, dixo que non vería mal un apoio de UPN se Navarra Suma se fai co goberno da comunidade foral.

"Nós non estamos en contra de que Navarra Suma se poida abster, non imos poñer ningún impedimento se isto facilita que Navarra Suma goberne no goberno foral ou na alcaldía de Pamplona", comentou na conferencia de prensa o presidente do Partido Popular. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/06/2019