CRTVG

Buscar

Sánchez celebra cumprir co obxectivo de superar os 10 millóns de inmunizados

Publicado o 04/06/2021 18:30
Sánchez celebra cumprir co obxectivo de superar os 10 millóns de inmunizados

EFE

EP

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, celebrou este venres a superación dos 10 millóns de persoas vacinadas con pauta completa fronte á covid-19 en España. "Cumprimos un novo fito. Tal e como dixemos desde o Goberno de España, máis de 10 millóns de españois xa teñen pauta completa, o que nos achega ao obxectivo do 70 por cento da poboación vacinada antes de finalizar o mes de agosto. Seguimos avanzando xuntos e cumprindo obxectivos", sinalou a través dun vídeo nas súas redes sociais.

O presidente deu as "grazas a quen fai posible cada día o éxito na maior campaña de vacinación da humanidade". En concreto, as comunidades autónomas administraron ata este venres un total de 28.752.570 doses das vacinaa de Pfizer- BioNTech, Moderna, AstraZeneca e Janssen, 570.225 delas nas últimas 24 horas. Isto representa o 86,8 por cento das distribuídas, que ascenden a 33.129.880 unidades.

En concreto, un total de 10.257.209 persoas recibiron xa a pauta completa, 278.005 máis que onte, o que supón o 21,6 por cento da poboación española. Desta forma, cúmprese o obxectivo do Goberno, que prometeu chegar a 10 millóns de vacinados con pauta completa na primeira semana de xuño. Ademais, un total de 19.038.135 persoas recibiron polo menos unha dose, o 40,1 por cento dos españois.

Nunha comparecencia o pasado 6 de abril desde A Moncloa, o xefe do Executivo marcou a liña de ruta para alcanzar a inmunidade de grupo en España fronte á covid. Así, comprometeuse a que na semana do 3 de maio habería cinco millóns de persoas vacinadas coa pauta completa, mentres que "na primeira semana de xuño serían 10 millóns. Estes dous fitos xa se cumpriron en tempo e forma. Os seguintes son que na semana do 14 de xuño sexan 15 millóns e na semana do 19 de xullo 25 millóns.

 

Noticias web

04/06/2021