Sánchez Bugallo: "2021 é unha sorte extraordinaria para Galicia"
A COVID-19 obriga a variar todo o que tiñamos previsto nas nosas vidas a medio prazo. E as cidades, como espazos de vida, tamén. En Compostela, epicentro cultural e turístico de Galicia, trabállase arreo para dar solucións ás necesidades da cidadanía, dos máis necesitados, dos comerciantes e de todo o relacionado co Xacobeo.
Xosé Sánchez Bugallo é o alcalde de Santiago de Compostela: "Temos un futuro incerto. Ata agora estivemos traballando en dous temas. O primeiro foi dar resposta ás necesidades sanitarias e o segundo, dar resposta ás necesidades sociais tras os peches das empresas. Agora chega o momento de abordar os seguintes retos. Un é a programación do recuperación e do futuro e tamén está a programación das festas e da cultura".
Xacobeo 2021
"Temos que saber que o ano 2021 é para Galicia unha sorte extraordinaria. Temos moita sorte de que inmediatamente despois desta crise teñamos un Ano Santo que nos axude a unha recuperación máis rápida. O turismo representa en Galicia uns 6.000 millóns de euros anuais e máis de 100.000 empregos. Estamos falando dun sector cunha transcendencia económica vital".