CRTVG

Buscar

Sánchez baralla convocar eleccións para o 14 de abril

Publicado o 11/02/2019 15:45

O presidente do Goberno baralla o 14 de abril para convocar eleccións xerais, apenas un mes e medio antes dos comicios europeos, municipais e autonómicos do 26 de maio, segundo aseguraron fontes do Executivo á axencia EFE. Se é así, Sánchez tería de prazo para disolver as Cortes ata o 19 de febreiro.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, baralla o 14 de abril para convocar eleccións xerais, apenas un mes e medio antes dos comicios europeos, municipais e autonómicos do 26 de maio, segundo aseguraron a EFE fontes do Executivo.

Esta posibilidade prodúcese nun escenario de incerteza pola aprobación dos orzamentos xerais do Estado de 2019, cuxas emendas á totalidade se debaten a partir de mañá no Congreso e dun claro distanciamento do Executivo cos partidos independentistas cataláns.

A iso súmase a manifestación celebrada onte domingo en Madrid en demanda de eleccións anticipadas convocada polo PP e C's, e na que se volveu reclamar a Pedro Sánchez que dea a palabra aos españois nas urnas. Esa posible convocatoria obrigaría o Goberno a disolver as Cortes e convocar as eleccións a semana que vén, o próximo 19 de febreiro, para cumprir os 54 días que establece a lei.

A posibilidade dun 'superdomingo' electoral para o 26 de maio tamén planeou no horizonte, aínda que conta con destacados detractores entre as propias filas socialistas. Os baróns do PSOE prefiren acudir ás urnas baixo unha estrita perspectiva territorial, sen ter que engadir como ingredientes electorais os aspectos máis delicados da vida política nacional, como a crise territorial en Cataluña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2019