CRTVG

Buscar

Sánchez asume o custo político dos indultos e aposta por abrir unha nova etapa

Publicado o 31/05/2021 17:20
EFE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, restou importancia ao "custo" político que pode ter para o seu Executivo un futuro indulto dos líderes independentistas cataláns e, pola contra, apostou por abrir "unha nova etapa" que deixe atrás "un mal pasado".

Na conferencia de prensa tras o cumio hispano-polaco celebrada este luns en Alcalá de Henares, Sánchez deixou claro que esa decisión a toma o Goberno "en conciencia" e non pensando nos efectos negativos que poida ter senón en "os millóns de cataláns que queren vivir en paz e que queren superar o racho emocional" que supuxo o sucedido o ano 2017. "Creo que axudar a resolver problemas non representa un custo", insistiu Sánchez, que non cre que deixar "as cousas enquistadas" sexa o que se merece nin Cataluña nin o conxunto de España.

Para o presidente do Goberno, a decisión sobre os indultos permitirá transitar "dun mal pasado a un futuro mellor", que, ao seu xuízo, tense que escribir con palabras como a "concordia" e a "cohesión".

Sánchez recoñeceu que non pode adiantar unha data sobre esa decisión porque o Ministerio de Xustiza ten que estudar primeiro os informes de todas as partes e elaborar despois non só un expediente, senón once, por cada un dos lideres independentistas condenados, que ademais "teñen que armarse ben".Será entón e cando estean preparados eses informes cando se eleve esa decisión ao Consello de Ministros: "Data non lle podo dar ningunha".

Preguntado por unha posible reforma do delito de sedición para rebaixar as penas, reforma sobre a que xa está a traballar o Ministerio de Xustiza, Sánchez insistiu en que ese tipo penal en España non encaixa coa lexislación dos países da nosa contorna, polo que defendeu "homologalo cos países máis avanzados".

Ao seu xuízo, en 2017 aprendeuse "unha lección", que é o "desacoplado" que está o Código Penal con respecto a algúns delitos, como a sedición. Sobre a recuperación da mesa de diálogo en Cataluña, Sánchez considera que o primeiro que toca é reunirse co novo presidente da Generalitat, Pere Aragonès. "Logo xa haberá tempo de toda as reunións que queiramos", resolveu. 


Pablo Casado acudirá á manifestación do día 13 contra os indultos. Aos populares tampouco lles preocupa o custo doutra foto na praza de Colón.

Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, di que o que lle incomoda "é a foto dun presidente do Goberno asinando os indultos, incómodame a foto dun presidente do Goberno que por primeira vez en democracia ten unha coalición coa esquerda radical. Esas son as fotos que me preocupan".

A presidenta de Ciudadanos non confirmou se irá ou non, pero chamou a unha participación masiva contra o que tachou de ignominia. Inés Arrimadas cre que supón "lexitimar todo o que nos fixeron. Non é un indulto. É un insulto".

O socio de Goberno do PSOE cre que Sánchez acerta co seu cambio de posición. Pablo Echenique, voceiro de Unidas Podemos no Congreso, lembrou que "esta é a posición do noso grupo parlamentario e quero lembrar que non sempre foi a posición do Goberno".

O expresidente estremeño, Juan Carlos Rodríguez Ibarra, pediulle ao seu secretario xeral que convoque un referendo entre as bases para que os socialistas se pronuncien sobre os indultos.
 

 

Noticias web

31/05/2021