O BOE publica o decreto de disolución das Cortes e a convocatoria de eleccións
Coas Cortes disoltas o Congreso queda en mans da Deputación Permanente e intensifícase o debate sobre as medidas que pretende convalidar o Goberno en precampaña electoral. A Mesa da Cámara xa encargou un informe xurídico a este respecto. Queren saber que facer se a Deputación Permanente acorda tramitar os decretos como proxectos de lei, para introducir emendas, algo do que non hai precedentes. A oposición insiste nas críticas porque non ve a urxencia destas medidas senón un uso electoral e o Goberno defende todas as iniciativas aprobadas ata o momento porque perseguen, di, unha maior xustiza social.
Con este decreto entramos oficialmente en período electoral. O texto inclúe a data da campaña, entre o 12 e o 26 de abril, e cando se constituirán de novo as Cortes: o 21 de maio, a cinco días das outras eleccións. Co Parlamento disolto, asume o control do Congreso a Deputación Permanente, que ten pendente derrogar ou convalidar os decretos aprobados no último Consello de Ministros. Sánchez defendeu hoxe todas as medidas laborais do seu Goberno e dixo que seguirán traballando contra a precaridade, sen aclarar se cambiarán a reforma laboral antes das eleccións.
A Mesa do Congreso encargou un informe xurídico sobre a tramitación dos decretos en período electoral. Queren saber como actuar se se aproban como proxectos de lei, pois non hai precedentes. E a oposición insiste nas críticas.
No mesmo acto Casado propuxo extender o incremento das pensións de xubilación ás nais cun só fillo. Actualmente está aprobado para as que teñen dous ou máis.