CRTVG

Buscar

Sánchez dille a Casado que non liberará etarras para que Bildu apoie os presupostos

Publicado o 20/10/2021 14:51

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, garantiulle este mércores ao líder do PP, Pablo Casado, que non liberará presos etarras a cambio de que EH Bildu permita que se aprobe o proxecto de lei de orzamentos do próximo ano.

Na sesión de control do Congreso, Casado fíxose eco das palabras do dirixente de EH Bildu Arnaldo Otegi en que, segundo publica El Correo, nun acto con militantes en Eibar e tras ler a declaración da esquerda abertzale en que lamentaba a dor das vítimas do terrorismo, dixo que "se para que saian os 200 presos de ETA hai que votar os orzamentos, votarémolos". "Responda, si ou non", díxolle o líder do Partido Popular.

Tras a pregunta de Casado de se iso vai ocorrer e as súas acusacións ao Goberno de "branquear" a EH Bildu, o xefe do Executivo respondeu con "un non rotundo" a que vaia liberar etarras e recriminoulle ao líder do Partido Popular que no día do décimo aniversario da fin de ETA faga esas acusacións e non celebre a vitoria da democracia.

Sánchez recalcou que o PSOE "non utilizou nunca" o terrorismo cando existía a ETA, polo que tampouco o fará dez anos despois da súa desaparición. Recriminoulle "á dereita" que non sinta esa derrota da banda terrorista como unha vitoria e traslade unha visión "amarga" dun dos "grandes logros da democracia española, como é a fin para sempre do terrorismo etarra".

Casado destacou que Arnaldo Otegi "non é un home de paz, senón un terrorista", e sinalou que o que ten que facer o seu "socio", Bildu, é condenar a ETA, acabar coas "homenaxes a criminais e colaborar coa xustiza para esclarecer 300 asasinatos". "E vostede o que ten que facer é romper con Bildu hoxe mesmo. A eles non lles debemos nada, ás vítimas do terrorismo debémoslles todo: memoria, dignidade, verdade e xustiza", exclamou Casado.

Abascal fala dos "presupostos da ETA"

O líder de Vox, Santiago Abascal, pola súa parte, acusou o presidente do Goberno de pactar co líder de EH Bildu uns presupostos xerais do Estado que son "os da ETA".

Abascal tamén reprochou que Otegi se manifestase a favor de votar os próximos orzamentos a cambio dos 200 presos da ETA que aínda están en prisión, e afirmou que "non ten ningunha calidade moral e sempre se caracterizou por dicir a verdade e por dicir a todos os españois que a ETA está na dirección do Estado".

Montero di que só fala de números dos presupostos con Bildu

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, tamén durante a sesión de control ao Goberno, asegurou que só fala con EH Bildu dos números dos presupostos xerais do Estado para 2022, como con todas as formacións políticas "sen excepción".

Noticias web

20/10/2021