CRTVG

Buscar

Sánchez asegura que poderá pagar a débeda ás autonomías en cuestión de días

Publicado o 09/10/2019 20:32

• Anuncia un plan para acabar co bloqueo

Pedro Sánchez di que as comunidades non poden ser reféns do bloqueo político. Por iso anuncia que nos próximos días desbloqueará as entregas á conta pendentes deste 2019, unha vez que o Goberno xa recibiu os informes xurídicos que o avalan.

Ademais, Sánchez anunciará este domingo o seu plan para evitar o bloqueo da formación de Goberno tras o 10 de novembro. Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións, di que "vou propoñer que haxa un Goberno canto antes, é dicir, no mes de decembro. Dous: que non haxa vacacións parlamentarias, é dicir, que decembro e xaneiro sexan meses hábiles para que as Cortes Xerais empecen xa a traballar".

A idea é aprobar o teito de gasto a primeiros de ano e ter presupostos no primeiro trimestre. O anuncio foi acollido con ironía polo PP e o PNV. Aitor Esteban, do PNV, pregúntase: "É que non había présa antes? Menos conto e imos falar das cousas importantes".

Para Pablo Casado, presidente do PP, "que a persoa que bloqueou España durante 4 meses podendo pactar con 4 partidos políticos para ser investido fale de desbloqueo, creo que é unha broma de mal gusto".

Ciudadanos reitera a súa disposición a pactar, pero cun prezo. Albert Rivera, presidente de Ciudadanos, di que "se non temos maioría, que é o importante, non imos bloquear este país e, se ten que gobernar o Partido Socialista, haberá que negociar esas reformas cunha condición: que os demais rompan os acordos cos independentistas".

Unidas Podemos di que o mellor plan de desbloqueo é aceptar o goberno de coalición. Pablo Echenique, de Unidas Podemos, di que "se Unidas Podemos está forte, conseguiremos á segunda o que Pedro Sánchez non quixo que se puidera conseguir á primeira".
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2019