CRTVG

Buscar

Sánchez anuncia 13.000 puntos de vacinación e unha estratexia única en España

Publicado o 22/11/2020 22:00

• Unha parte "substancial" da poboación estará inmunizada na primeira metade de 2021

• Pedro Sánchez di que a incidencia acumulada xa baixa de 400 casos por cada 100.000 habitantes

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou o plan de vacinación contra a covid−19, que se presentará no consello de ministros do martes e contará con 13.000 puntos de vacinación para garantir un "acceso equitativo ás vacinas" a través da atención primaria.

O presidente do Goberno di que seremos os primeiros en Europa, canda os alemáns, en levar as vacinas á xente.

 

"O Goberno garantirá que todos os grupos priorizados teñan acceso á vacina. Para iso, acordarase no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde unha estratexia única de vacinación", indicou Sánchez nunha conferencia de prensa na Moncloa. 

Ademais, o presidente do Goberno explicou que a estratexia única de vacinación se deseñou cun grupo multidisciplinar no que se inclúen "expertos das comunidades autónomas, do Consello Interterritorial ou de bioética". 

Indicou que a UE xa asinou cinco contratos para 1.200 millóns de doses ampliables, das que lle corresponden a España o 10 %, pola porcentaxe de poboación.

No tocante ao próximo Nadal, o presidente recoñeceu que será diferente "ao que coñecemos de sempre", e falou dunha planificación específica por parte do Consello Interterritorial dun "Nadal que será distinto, pero seguro".

Na comparencia tras participar no cumio do G-20, dixo que a estratexia estatal contra a covid−19 está logrando dobregar a curva de contaxios.

"Mañá estaremos, tras moito esforzo, nunha incidencia acumulada por debaixo dos 400 casos por cen mil habitantes en 14 días", explicou Sánchez. "Con moita prudencia podemos dicir que as medidas que están tomando as comunidades autónomas no marco do estado de alarma están tendo efecto".

Para o presidente, outra boa noticia é que os orzamentos avanzan na súa tramitación cara á aprobación. "Afortunadamente despois de dous anos de bloqueo unha maioría ampla de 198 escanos que representan 13 formacións distintas dixeron que si ao debate deses orzamentos; por tanto, xestión, xestión, xestión", afirmou Pedro Sánchez.

Noticias web

22/11/2020