Sánchez anuncia 100 millóns adicionais para paliar a suba da luz en fogares vulnerables
Clausura do congreso dos socialistas estremeños, con Sánchez apoiando a Guillermo Fernández Vara, que revalidou o liderado co 99 % dos votos. Nese contexto, Pedro Sánchez falou do custo da electricidade e asegurou que pelexará por unha resposta conxunta na Unión Europea canto á tarifa dos prezos da enerxía.
No ámbito do concreto, anunciou medidas especificas no Consello de Ministros do martes para paliar a suba do prezo da luz entre os máis vulnerables. "Ímolo facer cun real decreto lei que teña tres cousas: a primeira, unha achega de cen millóns de euros adicionais para axudar un millón douscentos mil fogares que son vulnerables agora que chega o inverno. Cen millóns de euros adicionais para protexer os fogares vulnerables", asegurou.
Explicou Sánchez que con ese real decreto tamén se pretende axudar industrias e empresas a protexeren os seus contratos ante a suba dos prezos enerxéticos. E fixo outro adianto para o Consello de Ministros de pasadomañá. "Imos aprobar a primeira lei de vivenda da historia da democracia. A primeira lei de vivenda da historia da nosa democracia para lograr o seguinte: converter un dereito que está na Constitución nun verdadeiro dereito", concretou.
O líder do PSOE insistiu en que a socialdemocracia está máis viva ca nunca en Europa e que é a garantía do mantemento do Estado do benestar.