CRTVG

Buscar

Sánchez anuncia que "unha parte substancial da poboación" se vacinará no primeiro semestre de 2021

Publicado o 20/11/2020 12:17

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que, xunto a Alemaña, España será o primeiro país da Unión Europea en ter un plan completo de vacinación que se aprobará o vindeiro martes en Consello de Ministros e permitirá que unha parte substancial da poboación española poida estar vacinada, "con todas as garantías", no primeiro semestre de 2021.

Sánchez fixo este anuncio durante a presentación do Plan de recuperación, transformación e  resiliencia da economía española, 'España pode', xunto á presidenta do Gobierno da Rioxa, Concha Andreu, no Museo Würth, situado na localidade rioxana de Agoncillo.

Explicou que este plan de vacinación, que se prepara desde o pasado mes de setembro, vai presentarse o vindeiro martes no Consello de Ministros.

Ademais, dixo que se prevé incrementar en 10.000 as prazas de formación sanitaria para adiantar a incorporación de novos profesionais, co fin de reforzar os servizos de saúde de todas as comunidades autónomas.

"Quedan meses duros por diante", subliñou, pero "a folla de ruta está trazada", a partir do respecto das decisións dos expertos e ás institucións, o reforzo da cogobernanza e na confianza na comunidade global.