CRTVG

Buscar

Sánchez paraliza a reforma do Poder Xudicial para facilitar un acordo con Casado

Publicado o 22/10/2020 16:13

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, propuxo ao líder do PP parar a tramitación da reforma do sistema de elección dos membros do Consello Xeral do Poder Xudicial para poñerse a negociar e conseguir a renovación deste e os demais órganos constitucionais.

Na súa intervención na segunda xornada do debate da moción de censura, Sánchez fixo un chamamento a todos os partidos "con responsabilidade de Estado" para iniciar esta negociación en canto conclúa a moción de censura.

"Sentemos e renovemos órganos constitucionais", dixo o xefe do Executivo, quen para iso ofreceu "parar o reloxo" da reforma presentada por PSOE e Podemos para cambiar o sistema de elección do órgano dos xuíces.

O PSOE e Unidas Podemos presentaron hai nove días a proposta de reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial. Un trámite exprés que rebaixaba de tres quintos a maioría absoluta os apoios para designar os doce vogais que elixen as Cortes, e esquivaba os informes preceptivos. Pedro Sánchez xustificábao no bloqueo do PP.

Foi rexeitada maioritariamente pola maxistratura: tres das catro asociacións de xuíces criticaron a reforma por considerar que politizaba a xustiza.

E tamén pola oposición, encabezada por un PP que anunciou que a levaría ao Constitucional, e que alertaba do posible impacto na concesión dos fondos europeos.

Porque o principal tirón de orellas chegou de Bruxelas. O Grupo de Estados Contra a Corrupción, do Consello de Europa, advertiu o Goberno que a proposta podía violar os estándares comunitarios, e lembraba a necesidade de manter a independencia dos órganos xudiciais.

Noticias web

22/10/2020