CRTVG

Buscar

Sánchez perfila o seu Goberno, do que xa se coñecen dezanove carteiras

Publicado o 10/01/2020 13:29

• Continúan Marlaska, Maroto, Celaá, Duque, Ábalos, Planas e Robles

• Arancha González Laya, José Luis Escrivá e Salvador Illa novas incorporacións | Saen Dolores Delgado, Carcedo e Guirao

O ministro de Seguridade Social, ante a reforma das pensións

 

A semana que vén comezará co nomeamento dos novos ministros do Goberno de España. A actual remata cunha ristra de nomes confirmados e filtracións que permiten xa albiscar cales van ser as prioridades do novo executivo. En total xa son dezanove os nomes confirmados por Moncloa, que foi anunciando a conta gotas as catro vicepresidencias e os ministros.

O presidente anunciará o seu Goberno este mesmo domingo en rolda de Prensa. Un gabinete que aposta polo perfil político de Calvo para a Memoria Democrática, e pola ortodoxia económica de Calviño para o reto dixital, e pon a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico nas mans de Teresa Ribera e os Dereitos Sociais e a Axenda 2030 para a loita contra a pobreza e o desenvolvemento sostible, para Pablo Iglesias.

O anuncio dunha cuarta vicepresidenta foi unha sorpresa para Podemos, que o reciubiu con desconcerto porque non se negociou no pacto programático. Mesmo así, a figura máis relevante das confluencias para as políticas verdes, Juan López de Uralde, de EQUO, saudou o maior rango da carteira de Transición Ecolóxica.

Confirmados xa como ministros, María Jesús Montero en Facenda, que será portavoz. Ábalos, cun novo nome para a súa carteira, Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, mantén as competencias en Infraestruturas e Vivenda. Repiten Celáá e Pedro Duque en Educación e Ciencia.

O presidente do Goberno tamén reforzará o equipo económico do seu gabinete coa creación dun Ministerio de Seguridade Social, Inclusión e Migracións, e dará prioridade á diplomacia económica dentro do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.

Segundo fontes de Moncloa, Sánchez pretende deste xeito constituír no seu Goberno "o mellor equipo económico da democracia española".

Así, ademais de crear o Ministerio de Seguridade Social, competencia que se desvincula do departamento de Traballo, dota dunha "clara vocación económica" á carteira de Asuntos Exteriores, na que a diplomacia económica será "prioritaria".

As informacións sobre o novo executivo seguen chegando a contagotas. Preto das nove e media da mañá, confirmábase que Fernando Grande-Marlaska repite como ministro do Interior, no novo Executivo de coalición que preside Pedro Sánchez. Así mesmo, confírmase a presenza no Gabinete Ministerial da titular de Industria, Reyes Maroto.

O actual ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, manterase á fronte desta mesma carteira no Goberno de coalición presidido por Pedro Sánchez.

A nova ministra de Exteriores, Unión Europa e Cooperación será Arancha González Laya, segundo informaron fontes do Goberno.

González Laya ocupa desde 2013 o cargo de directora executiva do Centro de Comercio Internacional (ITC), a axencia de desenvolvemento conxunta das Nacións Unidas e da Organización Mundial de Comercio, con sede en Suíza.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, seguirá á fronte deste departamento no novo Goberno de coalición.

O novo ministerio de Seguridade Social, Inclusión e Inmigración será para José Luis Escrivá Belmonte, ata o de agora presidente da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF).

Nacido en Albacete, en 1960, Escrivá é desde 2014 o primeiro presidente da AIReF e, en novembro de 2015, pasou a desempeñar a presidencia da Rede de Institucións Fiscais Independentes da UE.

O secretario de Organización do PSC, Salvador Illa, será o próximo ministro de Sanidade. Illa formou parte do equipo negociador socialista nas conversacións con ERC para a súa abstención na investidura.

En canto aos catro ministros de Podemos, foron confirmados onte por Moncloa. Igualdade para Montero, que asume a carteira aos 31 anos. Ata agora a Minisra máis nova. Alberto Garzón, con competencias en Consumo e xogos On Line, Castells, experto nas sociedades dicitais para Universidade e a galega Yolanda Díaz, que será a encargada de desmontar a reforma laboral de Rajoy e a reforma di Estatuto dos Traballadores.

Faltan por confirmar, quen asume as competencias en seguridade social e quen serán os responsables das carteiras de Estado que asumía agora Grande Marlaska, Robles e Dolores Delgado. Para exteriores barallouse o nome de Cristina Gallach, alta comisionada da Unión Europea, que non foi confirmada por Moncloa.

Si que se confirma que non estarán no novo Executivo María Luisa Carcedo e Jose Guirao, ata agora titulares de Sanidade e Cultura.

Tamén este venres se confirmou que Dolores Delgado non seguirá á fronte do Ministerio de Xustiza.

Os ministros confirmados ata o de agora do Goberno de Pedro Sánchez

Vicepresidenta primeira, ministra da Presidencia e Relacións coas Cortes: Carmen Calvo.

Vicepresidente de Dereitos Sociais e Axenda 2030: Pablo Iglesias.

Vicepresidenta para Asuntos Económicos e Transformación Dixital: Nadia Calviño.

Vicepresidenta para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico: Teresa Ribera.

Portavoz do Goberno e ministra de Facenda: María Jesús Montero.

Ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación:  Arancha González Laya.

Ministra de Defensa: Margarita Robles.

Ministro de Interior: Fernando Grande-Marlaska.

Ministra de Traballo: Yolanda Díaz.

Ministro de Seguridade Social, Inclusión e Migracións: José Luis Escrivá.

Ministro de Consumo: Alberto Garzón.

Ministro de Sanidade: Salvador Illa.

Ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana: José Luis Ábalos.

Ministra de Industria, Comercio e Turismo: Reyes Maroto.

Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación: Luís Planas.

Ministra de Educación e Formación Profesional: Isabel Celáa.

Ministro de Ciencia e Innovación: Pedro Duque.

Ministro de Universidades: Manuel Castells.

Ministra de Igualdade: Irene Montero. 

Noticias web

10/01/2020