CRTVG

Buscar

O Goberno de Sánchez estréase coa revalorización das pensións

Publicado o 14/01/2020 13:29

As pensións subirán un 0,9 % con efectos desde o 1 de xaneiro, segundo o decreto lei que aprobou este martes o primeiro Consello de Ministros do novo Goberno de coalición.

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dixo que con esta subida "non haberá ningunha diminución de poder adquisitivo dos pensionistas", xa que estes percibirán unha paga compensatoria "antes de abril de 2021" se a inflación do ano supera devandito incremento.

Trátase dunha medida avanzada antes das eleccións do 10 de novembro por Sánchez, quen se comprometeu a volver revalorizar as pensións anualmente conforme á inflación prevista. 

O Goberno de coalición renderá contas da súa xestión cada 100 días

O Goberno de coalición renderá contas da súa xestión cada 100 días, segundo avanzou este martes o xefe do Executivo. Sánchez confirmou que os consellos de ministros se van celebrar os martes, en lugar dos venres como é tradicional desde hai décadas, e garantiu que "non vai haber nin un momento de descanso" porque o obxectivo é "ir por diante dos problemas e non detrás".

Sánchez avanzou que o novo Goberno abordará "cinco grandes transformacións" nos 1.400 días de mandato que ten por diante nos que España, destacou "debe recuperar o tempo perdido" despois de varios anos en que o Goberno estivo "practicamente en funcións". 

"Estamos plenamente lexitimados para exercer o poder democrático"

O presidente do Goberno asegurou que o seu gabinete sente "plenamente lexitimado para exercer o poder democrático" e dirixiuse á oposición para dicirlle que nada lles vai a paralizar pese "a non ter nin cen días de graza".

Sánchez lamentou que a oposición lles vaia a xulgar máis polos seus prexuízos que polos feitos e subliñou que nada hai máis progresista que "unir ao país".

Ademais, Sánchez pediu aos seus ministros que sexan "receptivos" ás propostas dos partidos e aos axentes da sociedade civil e que manteñan unha actitude "resolutiva e  empática".

Sánchez asegura que pediu a Delgado actuar con "absoluta independencia"

O presidente do Goberno defendeu a proposta de nomeamento de Dolores Delgado como fiscala xeral polo seu "impecable" currículo e o seu "carácter independente" e afirmou que lle pediu que actúe con "absoluta independencia" e garanta o cumprimento da lei.

O xefe do Goberno tamén lembrou que co Estatuto do Ministerio Fiscal "está máis que garantida non só a autonomía da nova fiscala xeral, senón de todos e cada un dos fiscais".

O presidente verá a Torra "canto antes" para devolver o conflito á política

Pedro Sánchez dixo este martes que espera reunirse "canto antes" co presidente da Generalitat,  Quim Torra, para abrir un proceso de diálogo territorial e devolver o conflito catalán á política.

O obxectivo do Goberno é "resituar a crise catalá onde nunca debeu saír, no político, e non na vía xudicial ou penal", dixo Sánchez.

Tras precisar que non ten "ningún problema" en reunirse con Torra, -quen remarcou que segue sendo o xefe do Executivo catalán-, o presidente explicou que os gabinetes de ambos os dirixentes están a organizar xa ese futuro encontro que, segundo insistiu, terá lugar "canto antes" para poñer en marcha ese diálogo.

En canto á mesa de negociación e de diálogo pactada entre os dous gobernos, Sánchez dixo que hai que deixar que os tempos da formación do Goberno permitan aliviar a carga de traballo pero tamén espera poñela en marcha pronto para, segundo reiterou, "devolver á política unha crise política e deixar atrás a vía xudicial" que dominou a crise catalá durante tanto tempo.

Sánchez tende a man ao PP para renovar os órganos constitucionais

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tendeulle este martes a man ao PP para acometer a renovación pendente de órganos constitucionais como o Tribunal Constitucional, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) ou o Defensor do Pobo, para a cal son imprescindibles os votos da oposición.

Sánchez remarcou que o Executivo ten como principal obxectivo recuperar o "normal funcionamento" destas institucións "fundamentais para o correcto discorrer da nosa democracia" e engadiu: "Niso tenderei a man á oposición".

E iso aínda que lembrou que cando o PSOE está na oposición é cando se alcanzan os grandes acordos para estas renovacións, que requiren de maiorías parlamentarias reforzadas, mentres que cando é o PP quen exerce a función  opositoria, mantense o bloqueo.

"Eu non perdo a esperanza, tenderémoslle a man ao PP", insistiu Pedro Sánchez, quen incluíu tamén o Consello de Administración de RTVE dentro das entidades que teñen pendente a renovación desde hai moito tempo por falta de acordo.

Porque, segundo reiterou, "non ten ningún sentido opoñerse por opoñerse" e rexeitar a renovación do CXPX ou do Tribunal Constitucional sen coñecer sequera os perfís dos candidatos propostos. Esta negativa, apostilou en relación ao PP, "non é unha actitude propia dun partido de Estado".

É máis, en varios momentos da súa conferencia de prensa Sánchez pediu ao Partido Popular que asuma o resultado electoral e faga unha "oposición construtiva" no canto de "tratar de bloquear a xustiza" despois de tentalo "coa política".

Sánchez: PSOE e UP forman "unha coalición de goberno, non de pensamento"

O xefe do Executivo, Pedro Sánchez, subliñou este martes que PSOE e Unidas Podemos formaron "unha coalición de goberno, non de pensamento", e que, polo tanto, cada partido decidirá se os ministros que tamén son deputados continúan ou non nos seus escanos.

Sánchez recalcou que "cada organización actuará como corresponda". "E iso déixollo ao secretario de Organización na sede de Ferraz", engadiu o presidente do Goberno.

Ao preguntarlle por que pensou ao ver hoxe o líder de Podemos, Pablo Iglesias, sentado á súa esquerda no Consello de Ministros, respondeu que non ten ningunha reserva respecto ao acordo alcanzado.

Segundo Sánchez, visto o perfil dos ministros, séntese "orgulloso" de todos eles e así llelo trasladou nesta primeira reunión do Gabinete.

"Estamos nunha coalición inédita, pero todos os ministros e ministras xa son do Goberno de España, non dun partido ou outro", dixo e recalcou que "todos van contar con apoio e empatía" da súa persoa "cara ao seu labor de goberno". 

Sánchez e os seus 22 ministros posan antes do primeiro Consello da coalición 

Pedro Sánchez posou xunto aos 22 membros do seu novo Goberno para a tradicional foto de familia na Moncloa, que precedeu o primeiro Consello de Ministros do Executivo de coalición.

Desde as 9:30 horas e nunha mañá xélida, foron chegando ao edificio do Consello de Ministros os titulares das distintas carteiras, empezando pola vicepresidenta primeira e ministra da Presidencia, Carmen Calvo, seguido polo vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias.
Todos eles colocáronse despois nas escaleiras da entrada para a tradicional foto de familia do novo Goberno.

Na foto Sánchez está flanqueado á súa dereita polas vicepresidentas primeira e terceira, Carmen Calvo e Nadia Calviño, respectivamente, mentres que se situaron á esquerda os vicepresidentes segundo e cuarto, Pablo Iglesias e Teresa Ribera.

Os ministros foron chegando ao Palacio da Moncloa, un a un, todos coas súas carteiras ministeriais salvo a titular de Defensa, Margarita Robles, que non a levaba, tras o que pousaron individualmente para unha primeira foto ante os gráficos.

O último en chegar foi o ministro de Universidades, Manuel Castells, que levantou a carteira ministerial para a foto ante os xornalistas gráficos.

Dezasete ministros socialistas e cinco de Podemos compoñen este novo Gabinete de Pedro Sánchez, o segundo máis numeroso da democracia e o primeiro de coalición e bipartito.

Primeiras decisións do novo Goberno

Este primeiro Consello de Ministros ten previsto aprobar os nomeamentos dos segundos niveis ministeriais e tamén dará o visto e prace á proposta de nomeamento da ex-titular de Xustiza, Dolores Delgado, como nova fiscal xeral do Estado.

Sobre a mesa do Consello de Ministros hai moitos asuntos de trámite para o nomeamento dos cargos que ocuparán, en cada ministerio, o segundo nivel da Administración. E salvo sorpresas, tomarase unha soa medida urxente, que quedara adiada en decembro: a suba das pensións un 0,9%, acompañada dunha primeira mensaxe do Goberno: "O noso obxectivo é reforzar a solvencia e a suficiencia do sistema de pensións e dar certeza aos pensionistas e os traballadores", dixo José Luís Escrivá, o novo ministro de Seguridade Social. 

Para o venres poderían quedar outros asuntos como a suba retroactiva dos salarios públicos ou mesmo a do salario mínimo, que pretenden aprobar en base ao diálogo cos axentes sociais. Significativa neste sentido a presenza de presidente da CEOE, na toma de posesión de Pablo Iglesas como vicepresidente segundo.

"Vai ser un Goberno forte, en que os principios do compañerismo e o traballo en equipo van presidir unha etapa que vai ser difícil, pero que afrontamos con ilusión", dixo Iglesias.

A vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, declarou que "seremos prudentes na valentía e firmes no que máis importa: a defensa da democracia e a súa mellora constante".

O perfil económico do Goberno marcouno tamén a nova ministra de Exteriores. 'Spain is back' (España está de volta), declarou Arancha González Laya. Mentres, a ministra de Facenda, que tamén se estrea como voceira do Executivo, fixaba como obxectivo ter orzamentos no primeiro trimestre do ano.

"O primeiro que temos que facer é entregar o PXE nas Cortes Xerais parar face posible que esas políticas e esa capacidade de cambio e transformación que o Goberno quere impulsar se reflicta nesa folla de rua que son as contas públicas", advertía Montoro ao recoller de novo a súa carteira de Facenda.

Superar as contas de Montoro é fundamental para sufragar as novas tarefas que marca un executivo cunha ampla axenda social. E prevese que a titular de economía negocie en Bruxelas unha senda de déficit menos esixente. A loita contra o cambio climático e a axenda feminista marcarán tamén o camiño dun novo gobero que terá Beatriz Gimeno á fronte do Instituto da Muller e a Boti García Rodrigo nunha dirección específica LGTBI.

"Vannos xulgar polo que somos, por poñer a vida no centro, así que que nada nos límite. Moitas grazas e ao traballo", remachou Irene Montero, a nova ministra de Igualdade.