Sánchez agradece o apoio da UE na crise con Marrocos
Reunión dos líderes da Unión nun novo Cumio Europeo. Cunha mensaxe positiva sobre a evolución da pandemia. España e Europa chegarán ao 70% de vacinados entre a poboación adulta antes do verán, segundo o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Ese obxectivo é máis factible grazas aos bos datos de vacinación no país e en todo o continente, segundo o Presidente do goberno á súa chegada ao Cumio. Pedro Sánchez celebrou o acordo sobre o pasaporte de vacinación e a apertura da UE ao turismo internacional. Os líderes europeos discuten tamén a aterraxe forzosa do voo de Ryanair en Bielorrusia. A axenda deste Cumio mudou polo incidente, un secuestro totalmente inaceptable para a presidenta da Comisión, Úrsula von der Leyen. Aínda así, Italia e España insistirán nesta reunión na necesidade de reformar as políticas migratorias da UE. Sánchez advertiu a Marrocos que debe respectar as fronteiras de Ceuta e Melilla porque di, España é o mellor socio de Rabat na UE.
"As relacións de veciños que poida ter a Unión Europea, España en consecuencia con Marrocos téñense que basear en dous piares fundamentais. O primeiro é a confianza e o segundo é o respecto, o respecte das fronteiras. Recordarlle sempre a Marrocos que non hai mellor nin maior aliado dentro da Unión Europea que España para defender intereses estratéxicos tan importantes para Marrocos e tan necesarios tamén para a Unión Europea", di Pedro Sánchez, presidente do Goberno.