CRTVG

Buscar

O Congreso apoia estender o estado de alarma ata o 11 de abril sen votos en contra

Publicado o 26/03/2020 03:11

• Casado di que España está de loito e que o Goberno non está á altura

• O BNG pide paralizar toda a actividade económica non esencial

A Cámara valida as medidas económicas fronte á crise

 

O Congreso dos Deputados autorizou, entrada a madrugada deste xoves, a prorrogación do estado de alarma. Defendeuna o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, como unha dura medida para a sociedade, pero "indispensable" fronte ao coronavirus, e por esa razón pediu unidade e lealdade políticas.

O apoio do Congreso foi abafador a través do excepcional recurso ao voto telemático, xa que ao hemiciclo, para evitar contaxios, só acudiron pouco máis de 40 deputados e algo menos dunha decena de ministros liderados por Sánchez.

Non houbo nin un voto de rexeitamento e só se abstiveron as formacións independentistas e soberanistas de ERC, JxCat, EH Bildu, a CUP e o BNG. Foron computados 321 votos a favor, 28 abstencións e ningún voto en contra.

Para os partidos soberanistas, as críticas son as mesmas: o confinamento dos cidadáns como gran medida de contención de contaxios por COVID-19 debe ser máis esixente e, ademais, debe deterse a produción en todos os sectores menos nos que sexan esenciais na actual conxuntura.

O apoio proveu de siglas de esquerda, como Unidas Podemos ou Máis País, pero tamén das de dereita, casos do PP, Vox e Cs. Con todo, iso non evitou reproches e advertencias.

Salvo a formación de Pablo Iglesias e o PSOE, todos os grupos presentes nun Congreso novamente  semibaleiro polas obrigatorias medidas de seguridade establecidas pola propia Cámara puxeron en dúbida aspectos da xestión de Sánchez.

E o presidente, a pesar de todo, fixo fincapé na relevancia de que ante a seguinte fase que se abra coa prorrogación do estado de alarma a unidade e a lealdade sexan as prioridades.

Destacou que a dita prorrogación é a "única opción eficaz" para frear a propagación do coronavirus, que este mércores ofreceu datos desalentadores: máis de 47.600  contaxios e máis de 3.400 falecementos, o cal sitúa a España cun número de mortes máis alto ca o reportado pola China ata a data.

A inmensa maioría de cidadáns, por tanto, estará confinada nas súas casas, de momento, desde o 14 de marzo ao 11 de abril, case un mes. É "indispensable" a medida, afirmou Sánchez.

Coa ampliación do estado de alarma, que terá as mesmas condicións que o vixente, o país tenta gañar tempo e facilitar que o sistema nacional de saúde resista a pesar da saturación e a tensión a que se está sometendo.

Na opinión de Pedro Sánchez, o tempo, se se consegue, converterase nun factor chave para primeiro achaiar a curva de contaxios e despois baixala. E hai, ao seu xuízo, "outro ben igual de precioso" neste momento: a unidade e a lealdade.

Froito precisamente da lealdade, o presidente avanzou unha nova iniciativa que pretende trazar unha canle de información e coordinación entre o Goberno e o Congreso. A Comisión de Sanidade converterase mentres dure a pandemia nunha sorte de comisión de seguimento da súa evolución, e o ministro, Salvador Illa, comparecerá ante ela unha vez á semana. Recibirá, ademais, os datos do Comité Técnico e os que a diario manexa o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.

En reciprocidade, o Goberno atenderá as propostas que lle transmitan os grupos. Sánchez deixou claro, en referencia ás reclamacións de moitos partidos para endurecer o confinamento, que o que busca o Goberno é o equilibrio entre as severas medidas actuais de contención e a posibilidade de que, terminadas estas, o país retome rápido o dinamismo económico.

O líder do PP, Pablo Casado, subliñou o seu apoio á prorrogación, pero tamén o cuestionamiento da xestión do Executivo, que segundo cre afrontou tarde a crise do virus -alusión á semana do 8-M. Por este motivo, acusouno de "neglixencia grave". Tampouco cre Casado que haxa medidas efectivas, máis ben "soflamas". Así, Casado pediulle a Sánchez que abandone os "mitins". Casado propuxo que cando cese a pandemia se celebre un funeral de Estado e se faga un monumento en recordo das vítimas no centro de Madrid.

Vox tamén apoiará a prórroga, tal e como avanzou o seu presidente, Santiago Abascal, o cal non obviou que o fixese entre críticas á xestión da emerxencia e entre peticións de cesamentos. Así esixiu a Sánchez que destitúa o seu vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, e o director do Centro de Coordinación de Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, a quen reproba a demora na prevención.

Ciudadanos estivo presente no hemiciclo a pesar das protestas que leva repetindo toda a semana para que o pleno se fixese telemático e se evitasen así riscos de contaxios. A líder da formación, Inés Arrimadas, non asistiu debido ao seu embarazo. No seu lugar, a deputada María Muñoz, coas mans protexidas por luvas, ratificou o voto a favor de Ciudadanos, pero con condicións. A máis importante, a entrega de material sanitario aos profesionais.

Basicamente dous foron os eixos das desavinzas co Goberno: que o confinamento ten que ser máis duro, conforme a proposta das formacións independentistas e a maioría dos partidos minoritarios, e a acusación dunha actuación inicial tardía. A expansión do coronavirus é agora a que é por esa xestión inicial da crise, argumentaron sobre todo PP e Vox.

O presidente negou que así sexa, aínda que admitiu que efectivamente non se puido frear -tampouco noutros países-, e sinalou que fronte ás promesas da oposición de investigar a xestión e esixir responsabilidades el defenderase, pero non agora. Volveu apelar á unidade porque "o inimigo" é común: o virus. Igualmente reclamou a solidariedade de todo o país con Madrid. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/03/2020