CRTVG

Buscar

Sánchez advirte a Marrocos de que é inaceptable atacar a fronteira por desavinzas en política exterior

Publicado o 31/05/2021 17:43

EFE

EFE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou este luns que é "absolutamente inaceptable" que Marrocos puidese "atacar as fronteiras" de Ceuta co asalto de máis de 10.000 persoas como forma de protestar por un problema de política exterior. "Non é admisible que un Goberno diga que se atacan as fronteiras, que se abren para que entren 10.000 inmigrantes nun país veciño, por desavinzas e discrepancias en política exterior", subliñou Sánchez na conferencia de prensa tras o cumio hispano-polaco celebrada este luns en Alcalá de Henares e en resposta á declaración do Ministerio de Asuntos Exteriores de Marrocos.

Marrocos fixo público hoxe un comunicado en que desvincula a crise con España da presenza de Brahim Ghali e especifícase que o que Marrocos espera de Madrid é "unha aclaración sen ambigüidades das súas eleccións, as súas decisións e as súas posicións" sobre a cuestión do Sáhara. Para Sánchez, esta actitude é "absolutamente inadmisible" e lembrou que Marrocos "non debe esquecer que non ten nin mellor nin maior aliado na UE que España", que é un "interlocutor imprescindible, necesario e privilexiado" con Europa.

"Se o que se esta dicindo é que Marrocos utilizou a inmigración, o asalto das fronteiras españolas por máis de 10.000 marroquís en 48 horas, a min paréceme absolutamente inaceptable e por tanto rexeito esa declaración", asegurou o presidente do Executivo. Para Sánchez, "non é admisible que un Goberno diga que se atacan as fronteiras de España" como consecuencia de "desavinzas e discrepancias en política exterior", sobre todo cando España "concibe a súa relación con Marrocos desde un punto de vista estratéxico".

Ademais, expuxo unha "actitude construtiva" con Marrocos e lembrou que "a veciñanza e necesaria relación bilateral débese cimentar sobre o respecto e a confianza" e que o "respecto e a confianza non se constrúen se o que se está dicindo é que por unha desavinza non se respectan as fronteiras". "Non é aceptable e por tanto rexéitoo", resolveu.

Noticias web

31/05/2021