CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez acepta "con honor" o encargo do Rei de formar goberno

Publicado o 11/12/2019 22:05

• Anuncia que se reunirá con Casado e Arrimadas o luns

• Avanza contactos cos presidentes autonómicos, Torra incluído

• Lastra falará con todos os grupos do Congreso

Así o anunciou Batet | Así foi a rolda de consultas

O líder do PSOE e candidato á investidura, Pedro Sánchez, convocou para unha reunión o vindeiro luns o presidente do PP, Pablo Casado, e á portavoz de C's, Inés Arrimadas, tras recibir este mércores o encargo do rei para someterse á investidura.

Nunha comparecencia no Palacio da Moncloa, Sánchez agradeceu o encargo do rei, e pediu responsabilidade e "altura de miras" a todos os grupos políticos. Sánchez tamén anunciou que a portavoz do grupo socialista, Adriana Lastra, convocará a todos os partidos políticos do Congreso, incluídos Vox e a EH Bildu, cos que ata o de agora non se reuniu.

Tamén avanzou que terá contactos con todos os presidentes autonómicos, entre eles o da Generalitat, Quim Torra, e co presidente da FEMP, Abel Caballero. Trátase, dixo, de ver "se podemos atopar unha maioría máis ampla que permita lograr canto antes un goberno".

Ademais, Sánchez recalcou que o seu propósito é que haxa un "goberno progresista reforzado por un acordo de coalición e cun espírito dialogante". E asegurou que os españois están "fartos de leas e choques estériles" e queren volver á política. 

Pedro Sánchez acepta o encargo do Rei para formar goberno e anuncia unha rolda de contactos do grupo socialista con todos os partidos que inclúe, por primera vez, a Vox e a Bildu.

Sánchez reunirase tamén cos 17 presidentes autonómicos, incluído Quin Torra; e co presidente da FEMP, Abel Caballero. A todos, pediralles unha actitude de desbloqueo, deixar atrás a bronca e poñerse a traballar polo país.

Sen todos os cabos atados, en plena negociación con Esquerra, Sánchez pechou a rolda de contactos co Rei. Despois de escoitar a todos os partidos, Filipe VI comunicoulle á presidenta do Congreso que lle encargou formar goberno ao líder socialista. As negociacións para conseguilo incíanse agora oficialmente, declaraba a presidenta do Congreso, sen atreverse a poñer data aínda ao pleno da investidura.

Tras o anuncio, a comparecencia de Sánchez foi inmediata. Para anunciar, antes ca nada, que Casado abrirá o luns como xefe da oposición esa rolda de contactos formais, e que se reunirá tamén coa líder de Ciudadanos, en resposta á propia petición de Arrimadas. Sánchez lamentou a posición do PP e de Vox. Mesmo así, o xa candidato oficial á investidura anunciou que o grupo socialista manterá reunión con todos os partidos representados no Congreso, sen excluír, por vez primera, nin a Vox nin a Bildu.

O presidente en funcións busca conformar unha maioría ampla e apelou ás vitorias socialistas nos cinco procesos electorais de 2019 para pedir que cesen os atrancos á formación do que será o primeiro goberno de coalición da historia. Apelou a unha lexislatura para traballar polo país, en que buscará consensos amplos e para o que anunciou tamén unha reunión cos 17 presidentes autonómicos, tamén con Torra.

Sobre as negociacións con Esquerra, eloxiou a súa actitude construtiva parta facilitar un acordo, pero dixo que non hai nada pechado e polo tanto hai que falar en condicional.

"O que si que lle podo garantir, porque isto é o PSOE, coñécesenos desde hai máis de 40 aos e formamos parte da elaboración e na redacción da Constitución española, é que todo acordo será público e estará dentro do marco costitucional", afirmou o presidente en funcións.


Noticias web

11/12/2019