CRTVG

Buscar

Sánchez: "É a decisión máis conforme co espírito de concordia da Constitución"

Publicado o 22/06/2021 15:02

• Os indultos aprobados son parciais e condicionados

• Os presos do procés poderían abandonar o cárcere este mércores tras a publicación do decreto no BOE

Despois de máis de tres horas de debate, o Consello de Ministros aprobou o indulto parcial, reversible e condicionado para os nove condenados no xuízo do procés que permanecen en prisión. O presidente do Goberno confirmouno nunha declaración institucional no Palacio da Moncloa.

Pedro Sánchez asegurou que o Goberno, tras sopesar os pros e os contras, concluíu que existen razóns de "utilidade pública que aconsellan a concesión" desta medida de graza. "Ten que ver coa necesidade de restablecer a convivencia e a concordia no seo da sociedade catalá e no conxunto da sociedade española".

Segundo dixo, o Executivo toma esta decisión porque é "a mellor para Cataluña e para España" e a "máis conforme co espírito de concordia e de convivencia da Constitución Española". Nesta liña, precisou que "Cataluña sen España nin sería europea, nin próspera, nin plural" e "España sen Cataluña, simplemente non sería España".

Lembrou que son indultos parciais porque "conmutamos a pena pendente de prisión" pero "mantéñense as condenas de inhabilitación". Ademais, subliñou que quedan condicionados a "non cometer un delito grave nun prazo determinado".

Quixo deixar claro que "as persoas encarceradas xamais foron sancionadas polas súas ideas, senón polos seus actos contrarios á legalidade democrática". Pero "unha democracia forte esixe que todas as ideas se defendan no marco da legalidade e con respecto aos dereitos de todas e todos".

Traballar "polo entendemento"

Garantiu que o Goberno vai seguir traballando "polo entendemento e nunca polo enfrontamento". "Pretendemos abrir un novo tempo de diálogo, tender pontes de concordia entre persoas moi afastadas no político. Pero non podemos ignorarnos. Vivimos xuntos e xuntos temos que afrontar as mesmas preocupacións", declarou.

Neste sentido, subliñou que queren abrir "unha nova etapa de diálogo, de reencontro e pechar, dunha vez por todas, a división e o enfrontamento". Na súa opinión, a democracia española "demostra hoxe a súa grandeza" e "é unha boa ocasión para que desmostren a súa" as persoas que cuestionan a decisión. 

Para Pedro Sánchez: "É o momento da política, de pasar páxina, de concentrar forzas e de mellorar a vida do noso pobo, neste tempo de moitas dificultades e de moitas esperanzas".

Mensaxe de prudencia

A ministra de Facenda e voceira do Goberno María Jesús Montero lanzou unha mensaxe de prudencia na conferencia de prensa posterior á xuntanza do Consello de Ministros.

Segundo dixo, "de ningún xeito está garantido o éxito de que o conflito catalán poida levarse a bo porto nun prazo breve de tempo" porque "a situación é difícil". Recoñeceu que supón "un paso adiante" e amosouse esperanzada en seguir avanzando cos foros e citas pendentes.

A primeira delas é unha reunión na Moncloa entre o presidente do Goberno Pedro Sánchez e o da Generalitat Pere Aragonès, que a ministra prevé en datas próximas. "Non creo que tarde moito. Será cuestión de axendas", precisou. Despois dese encontro, retomarase a mesa de diálogo entre o Executivo central e a Generalitat.

Montero pediulles aos líderes independentistas "doses de realidade e pragmatismo" para avanzar en propostas viables, dentro do marco legal, arredor do autogoberno de Cataluña.

"Este goberno non vai convocar un referendo en Cataluña para a autodeterminación, nin vai permitir unha declaración unilateral de independencia”, garantiu Montero. Ademais, engadiu, se na mesa de diálogo se formula calquera proposta que quebre a lei, vaise responder coa mesma contundencia.

O rei asina os indultos

Este mércores o real decreto publicarase no Boletín Oficial do Estado (BOE) tras ser asinado polo rei. Nese momento, o Tribunal Supremo, ao que corresponde executar a medida de graza, poderá actuar e remitir un mandamento de excarceración ás prisións correspondentes.

Cabe a posibilidade de que o Supremo actúe hoxe sempre e cando o Executivo lle comunique por calquera canle a decisión. Porén, é algo que o Gobenro non prevé porque, segundo Moncloa, nunca se fixo antes. 

Aragonès: "É a hora da amnistía e a autoderminación"

O presidente da Generalitat interpretou que os indultos supoñen un recoñecemento de que as condenas foron inxustas e veos como un paso máis para unha solución acordada ao conflito.

Para Pere Aragonès "é a hora da amnistia e a autodeterminación. É a hora dun referendo acordado. O paso de hoxe axuda a xerar a credibilidade neste camiño".

PP, Cs e Vox anuncian recursos

A oposición anuncia recursos ante o Supremo, aínda que só poden facelo os prexudicados directos. Vox alegará que foron parte da acusación popular, e o PP, que eran obxectivo dos autoproclamados Comités de Defensa da República.

Pablo Casado, presidente do PP, anunciou: "Vou solicitar a lexitimación para presentar un recurso contra os indultos concedidos aos presos secesionistas. Podemos dicir que somos parte prexudicada". Macarena Olona, voceira adxunta de VOX no Congreso: "Hoxe consúmase un auténtico golpe de Estado que non necesita de pistolas". Inés Arrimadas, presidenta de Ciudadanos, di: "Non se pode borrar con indultos a verdade e o sufrimento de millóns de cataláns".

 

 

Noticias web

22/06/2021