Sánchez, a Casado: "Abascal dálle leccións de sentido de Estado"
• O líder do PP acúsao de ocultar un informe do Consello de Estado sobre os fondos europeos
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o líder do PP, Pablo Casado, protagonizaron un novo enfrontamento na sesión do control ao Goberno que se celebra no Congreso dos Deputados. Sánchez díxolle a Casado que é "tan moderado" que o líder de Vox, Santiago Abascal, "dálle leccións de responsabilidade e de sentido de Estado", en alusión ao decreto de fondos europeos.
Casado acusou a Sánchez de "mutilar" o decreto para a repartición dos fondos europeos destinados á recuperación da crise provocada pola pandemia. Dixo Casado que o Goberno non incluíu no decreto un informe do Consello de Estado que podería advertir de irregularidades, para "repartir fondos europeos sen control". Todos os deputados do PP preguntaron repetidamente por este informe nas súas intervencións.
"Non hai quen o entenda, señor Casado", censuroulle o xefe do Executivo, para despois reprocharlle: "Pídeme que dimita o ministro Illa pero tamén que quede, que confine e que desconfine e que cuestione o mando unico á vez que pide máis competencias para as autonomías".
O informe do Consello de Estado
O líder da oposición afeoulle a Sánchez que presentase un "decretazo de fondos europeos" e que o salvara "cos euroescépticos de Bildu e Vox". "Pintou o seu Frankestein de verde. Tanto sacar a foto de Colón e meteuse na foto do capitolio, calquera día vémoslle con cornos de bisonte", ironizou o presidente do PP.
Sánchez tamén contestou ao líder de Vox, Santiago Abascal, que o acusou "de non defender os intereses dos españois" para "permanecer no poder a calquera prezo. Segundo o presidente do Goberno, o que fai Vox é "polarizar, dividir e enfrontar a sociedade española", aínda que rematou dicindo que "ás veces vostede demostra máis responsabilidade que o líder da oposición".
O Partido Popular acusou a Vox de adoptar a nova condición de "socio" do Goberno. Tanto a voceira do PP no Congreso, Cuca Gamarra, como o secretario xeral do partido, Teodoro García Egea, falaron dunha nova "alianza" que din ver entre o Executivo e Vox.
Na súa pregunta ao vicepresidente Pablo Iglesias, Egea criticou as "tragadeiras" do Goberno: "Unhas veces sálvalles Otegi, outras Puigdemont e outras Abascal porque este Goberno naceu con Podemos, creceu con Bildu e agora sobrevive grazas a Vox", denunciou.
Iglesias limitouse a contestarlle que "nós no Goberno facemos política, vostedes aquí, fan o ridículo", criticoulle.
Eleccións en Cataluña
O voceiro de ERC, Gabriel Rufián acusou o Goberno de que "prioricen os votos por riba das vidas", en alusión á candidatura de Salvador Illa ás eleccións en Cataluña. "O efecto Illa", ironizou Rufián, "un señor que ou se lle vota en febreiro ou non vale, é un iogur caducado".
Segundo o republicano catalán, "a decisión do Govern de querer pospoñer as eleccións non foi política, foi sanitaria", e puxo como exemplo que en Euskadi e Galicia se adiasen os comicios cos datos de incidencia da pandemia en mellor situación que na actualidade en Cataluña.
Sánchez pediulle que "deixe de mirar o pasado" e asegurou que Illa volve a Cataluña a "facerlle fronte á polarización e división da sociedade catalá que o único que trouxo foi decandencia".