CRTVG

Buscar

A illa dos violíns, di adeus ao San Simon Fiddle cun concerto galego-balcánico

Publicado o 07/07/2019 20:58

Remata a oitava edición do San Simón Fiddle, o campamento infantil de corda máis prestixioso do mundo e que este ano foi un proxecto "Erasmus". Antes de despedirse dos colegas do verán, os 125 participantes ofreceron un concerto para os seus pais na súa illa. A música allea que tocou aprender neste 2019 foi o impetuoso folk balcánico.   

Hai sete días 125 músicos tiñan por diante unha das mellores semanas do ano, segundo nos contan. Os pais quedan atrás e eles, e mais os seus instrumentos de corda, navegan só dez minutos ata a Illa de San Simón. Pero a viaxe é máis longa ca unhas poucas millas. A organización do campamento folk, sempre sen partituras, déixanos mostrarlles as imaxes do que pasou alí durante os últimos días...

Aurora Vidal. Aprendiz de violonchelista. "Eu pensaba que era música máis suave. Pero gústame que sexa música forte, que dea medo.

María Rodríguez. Aprendiz de violonchelista. "Pois si. É unha música onde necesitas poñer moito empeño e moita forza, moito buahhhh!"
Samuel Fernández. Aprendiz de violinista "Ao ser o violín un instrumento que non ten afinación fixa, que cos dedos podes facer variacións, pódese facer cousas moi chulas coa música de Europa do leste"

Sétimo día. Todo acaba. Os pais chegan á Illa para escoitar o concerto de fin de festa que lles teñen preparado. Saben polos vídeos que chequean a diario que neste 2019 os seus fillos aprenderon a tocar e a sentir a música do folclore balcánico.

Elvira Lara. Nai de dous músicos. "Realmente impresionante porque como dis é unha música que ten moita forza. É especial porque os ritmos ás veces cambian na mesma canción" Foi formidable ver como se adaptaban a este tipo de cambios".
Óscar López. Pai de dous músicos. "Sobretodo son ritmos moi diferentes dos galegos. Este ano aprenderon cousas que non esperaban. Non é tan doado pillar a música balcánica."

Os músicos están listo para o concerto final, o concerto para as nais, pais, irmáns e avós.

Alfonso Franco. Director de Galicia Fiddle. "É o resumo dun traballo intenso, divertido, no que todos formamos parte, para poder chegar en só cinco días a un concerto que realmente vai ser espectacular.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/07/2019