CRTVG

Buscar

Pequena parroquia con grandes orquestras

Publicado o 19/07/2019 17:19

Na área recreativa da capela do Carme, en San Martiño de Foz, ultiman os preparativos para as súas verbenas, que este ano contarán con catro grandes orquestras durante toda a fin de semana. Claxxon e o Combo Dominicano serán os encargados de amenizar a primeira noite, aos que seguirán na segunda xornada a Panorama e a París de Noia nun duelo que se vén celebrando dende hai xa 14 anos. As festas desta parroquia de apenas 600 habitantes teñen un presuposto duns 80.000 euros, conseguidos grazas ao traballo dun equipo de ramistas que se despide tras 21 anos de servizo.

José Saa, presidente da comisión de festas de San Martiño de Foz: "Isto, verdadeiramente, eu creo que é un pouco incrible. Que nunha parroquia coma a nosa, onde non chegamos a 600 habitantes, poidamos lograr estas festas. Grazas a Deus, ao esforzo que facemos todos e á colaboración dos nosos contribuíntes, pois si que o facemos".

Estímase que as festas do Carme de San Martiño de Foz acollen máis de 20.000 persoas, chegadas non só doutros puntos da Mariña, senón tamén de toda Galicia e mesmo de Asturias ou Cantabria.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/07/2019