Salvan seis canciños abandonados nun colector de lixo
No concello de Tui, a policía salvou a vida de seis canciños que foran abandonados nun colector do lixo. Estaban dentro dunha bolsa de plástico, mollados e con principio de hipotermia.
Un veciño escoitou os ladros dos animais e chamou a policía, que fixo as xestións para deixar os cachorros na protectora de animais Aloia. Segundo Pepín Solleiro, da organización, "é a segunda vez que pasa no mesmo colector", con cans de dous días e das mesmas cores.
Ao seren tan pequenos, a protectora buscou unha casa de acollida onde permanecer uns meses ata que poidan atendelos e dalos en adopción.
"A miña moza viu o anuncio en instagram e díxome: que che parece se os acollemos unha tempada?", relata Adán Tiago Rodríguez.
Agora toca coidalos como bebés que son. "Hai que estar mentalizada de que é moi duro. Cansan moito, hai que estar moi pendentes", asegura Carolina Pérez Suárez.
A protectora de animais Aloia denuncia que estes casos non sexan castigados con mais dureza pola xustiza.