Salvan a súa veciña dun incendio en Verín
Unha veciña de Verín foi trasladada ao hospital por inhalación de fume, vítima dun incendio na súa vivenda. A rápida intervención dos seus veciños salvoulle a vida. A muller, que ten problemas de mobilidade, estaba soa na vivenda e non era quen de saír polo seu propio pé.
As ventás tapiadas, portas precintadas e unha alfombra chamuscada no balcón son os rastros visibles dun incendio que esta noite levou ao hospital a dona desta vivenda de Verín.
José Martín Pérez, veciño: "Sobre as once da noite, máis ou menos, escoitamos uns ruídos na casa do lado. Primeiro pensamos que podía haber pelexas, ou algo, porque eran ruídos como de roturas. Pero logo, ao saír fóra, xa vimos que saía un fume moi negro, moi intenso".
Martín conta o caso en primeira persoa. Foron el e a súa muller os que sacaron a súa veciña da casa en lapas. A muller, duns sesenta anos, ten problemas de mobilidade e non lograba saír polo seu propio pé.
José Martín Pérez: "Debeu saír arrastrándose e puido abrir a porta. Entón xa a sacamos para fóra. Tivemos que sacala case en brazos porque ela non tiña forza. Estaba nerviosa. Estaba un pouco mareada e ata se queimou un pouco no pelo".
Tamén foron eles os que avisaron os bombeiros. Antes de que chegaran, xa tomaran as primeiras medidas, que Martín aprendeu da súa experiencia na Cruz Vermella. A súa casa comparte parede coa da veciña e temeron que o lume se estendese.
José Martín Pérez: "A miña muller foille timbrar á señora e, mentres, eu saquei os nenos da casa e púxenme a quitar o gas, o típico, o que hai que facer".
Os bombeiros investigan as causas do lume que deixou calcinado o salón, no primeiro andar, e afectada polo fume o resto da vivenda.