Salvamento Marítimo remolcou ata Ferrol o "Sempre Güeto"
Despois de subsanar moitos atrancos técnicos para remolcar con seguridade o cerqueiro afundido o xoves fronte a Cedeira, Salvamento Marítimo confirma que o Sempre Güeto chegou a terra á media tarde. Xa está no porto de Ferrol.
O naufraxio produciuse o xoves ás dúas da tarde .
O cerqueiro Sempre Güeto, que estaba volvendo a Portosín, á casa, envorcou con dez tripulantes a bordo a algo máis de dúas millas náuticas da costa ártabra de San Andrés de Teixido.
Oito dos dez tripulantes foron rescatados con vida polo barco Argote 2, que estaba, por sorte a só unha milla. Outros dous tripulantes faleceron.
Outro cerqueiro de Corme rescatou con vida a Kikio Betanzos, de 47 anos, pero morreu ás poucas horas. Betanzos será soterrado esta mesma tarde en Ribeira.
O corpo do segundo falecido, Ab-del-ka-vir Aniba, de 43 anos, apareceu flotando no mar tras dúas horas de rastrexo dos equipos de salvamento.
Porque as causas do accidente non están claras. Entre que o patrón detectou e comunicou por radio que o barco se escoraba e que non era posible endereitalo ata que se perdeu a comunicación e a embarcación quedou do revés, coa quilla á vista, pasou moi pouco tempo.
O barco ten 22 metros de eslora, é pequeno, pero á hora da traxedia barcos aínda máis pequenos navegaron sen problemas nas mesmas augas. Segundo Salvamento Marítimo había mar de fondo, vento do nordés de forza sete e ondas de ata tres metros.