CRTVG

Buscar

Salva a vida tras caer dunha altura de catro metros nos labores de roza da A-55 no Porriño

Publicado o 17/07/2017 13:30

O incidente produciuse ao romper unha lousa de cemento que tapaba a arqueta. O operario ten un golpe na cabeza e na zona lumbar 

Un traballador salvou a vida de milagre despois de caer esta mañá nun foxo de máis de catro metros de profundidade. Traballaba nos labores de roza da autovía A-55, no Porriño, cando rompeu unha lousa de cemento que tapaba a arqueta. Ten un golpe na cabeza e na zona lumbar.

O operativo de rescate foi algo complexo pola estreiteza do foxo. Por fortuna, a pesar da caída de máis de catro metros de altura, o home estaba consciente. Un bombeiro descendeu para poñerlle un colariño, colocalo na padiola e axudar a izalo.

Segundo manifestou o propio traballador, tivo a sorte de caer medio de pé e amortiguar o golpe. Aínda así presenta unha contusión na cabeza e mazadura nas costelas e na cadeira.

O operario realizaba labores de roza na cuneta da autovía A-55 á altura do polígono da Granxa, no Porriño. Apoiouse nunha lousa de cemento que cubría a arqueta. A tapa crebou e o home precipitouse ao fondo do burato. Un compañeiro foi o que avisou aos servizos de urxencias. Axiña se presentaron os bombeiros e protección civil do Porriño, axentes da garda civil e unha ambulancia do 061 que trasladou ao ferido a un centro hospitalario de Vigo. Alí recupérase das feridas e a espera do resultado dun exame médico máis completo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/07/2017