Saleta Castro, preparada e forte para o Mundial de Tríatlon de Pontevedra
É o seu primeiro mundial coa seleción española, e competir na casa sempre é un aliciente.
"É un soño poder competir na casa, diante da túa familia, amigos, público, correr pola túa cidade", explica Saleta Castro.
A pontevedresa afronta a proba de tríatlon de longa distancia con boas expectativas
"Estou moi motivada, con ganas e se fago a miña carreira, sairá ben. As danesas veñen fortes, pero as españolas tamén, imos estar pelexando con elas, vai estar divertida a carreira", di a triatleta.
Para chegar ata aquí tivo que empregar altas doses de constancia, esforzo e superación. A vantaxe, coñecer o percorrido polo que transcorrerá a carreira.
"O percorrido de bicicleta é duro- explica Saleta- hai que controlar, para chegar forte á carreira a pé, e os de aquí temos vantaxe con respecto aos que veñen de fóra".
O Mundial de Pontevedra é para ela un dos primeiros obxectivos da temporada. Pero Saleta Castro xa ten a mirada posta en novos retos, entre eles, clasificarse para o Mundial de Iroman de Hawai.