CRTVG

Buscar

Saíu do coma o home acusado de disparar contra a súa ex-parella no Grove

Publicado o 17/01/2019 21:54

Saíu do coma o home acusado de disparar contra a súa ex-parella o mes pasado de decembro no Grove.

Segundo puidemos saber por fontes próximas ao caso, o home, que estaba en coma inducido debido ás feridas que el mesmo se provocou, está xa consciente, pero continúa grave, así que, de momento, o xuíz non emitiu ningunha orde para tomarlle declaración.

José Antonio Prieto Fernández, ourensán de 59 anos, tiña dúas balas aloxadas na cabeza. Supostamente, intentou matarse coa mesma arma coa que, previamente, lle disparara á súa ex-parella, unha muller de 46 anos da que tiña unha orde de afastamento por outra agresión. O caso ocorreu o 5 de decembro na vivenda da muller, nunha céntrica rúa do Grove.

Ocorreu a media mañá e nunha concorrida rúa do Grove. José Antonio Prieto Fernández, que residía en Ourense, presentouse, supostamente, na casa da súa ex-parella, armado cunha pistola, e disparoulle. A muller pediu auxilio desde a ventá, por onde conseguiu sacala un axente da Garda Civil. Estaba ferida de bala, polo que tivo que ser operada e pasou dous días no hospital.

O seu presunto agresor tamén estaba ferido. Trasladárono ao hospital de Montecelo e, posteriormente, ao Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde continúa ingresado. Aínda que nun primeiro momento estivo custodiado pola Garda Civil, actualmente non é así. Segundo fontes próximas á investigación, non se contempla o risco de fuxida debido ao seu delicado estado de saúde.

As dúas balas que el mesmo se disparou estaban aloxadas no cerebro. Estivo en coma inducido durante máis dun mes e, segundo transcendeu, malia que recuperou a consciencia, continúa grave. Polo momento, non hai ningunha instrución do xuíz para tomarlle declaración.

Unha das cuestións pendentes de aclarar é como se fixo coa chave para acceder á vivenda da súa ex-parella, que cambiara a pechadura tras a separación. O home tiña unha orde de afastamento por outra agresión, o verán pasado.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/01/2019