CRTVG

Buscar

Saímos de dúbidas cos cambios na nova ITV, que xa estará en vigor o martes

Publicado o 28/05/2021 16:01

Xuño trae cambios na ITV. A nova inspección do coche entra en vigor este próximo martes e implica modificacións que van afectar directamente aos condutores.

Podo ir pasar a ITV sen o permiso de circulación?

O aconsellable é levalo pero a partir deste martes 1 de xuño se o esquecemos na casa os traballadores da ITV poderán comprobar os nosos datos directamente coa DXT.

Pasaría a ITV funcionando mal o ABS?

Esta é unha das novidades. O funcionamento incorrecto do sistema antibloqueo de freos, ABS, pasa de ser un fallo leve a ser un fallo grave. O coche non pasaría a inspección.

Podo circular sen un espello retrovisor?

O desprendemento dos espellos retrovisores tamén pasa a ser un defecto grave. Os fallos graves fan que o noso coche non pase a ITV.

Mantéñense as prórrogas concedidas durante o estado de alarma?

O pasado 2 de marzo rematou o prazo excepcional concedido para que os coches aos que lles caducou a inspección durante o primeiro estado de alarma puidesen pasala.

Que pasa se circulo coa ITV caducada ou sen ela?

Circular ou ter o coche aparcado coa revisión caducada supón unha multa de 200 euros. Se a inspección do noso vehículo foi desfavorable a sanción tamén é de 200 euros e se foi negativa a multa ascende aos 500 euros.

Noticias web

28/05/2021