CRTVG

Buscar

Recuperan restos do aparello do Sin Querer Dos sete meses despois do naufraxio

Publicado o 09/07/2019 08:34

No mesmo lugar onde hai sete meses se afundía o Sin Querer Dos, na zona do Profundo, a cinco millas de Fisterra, aparecían estas redes. Son restos do aparello do barco en que morreron catro tripulantes, un deles sen que o seu corpo aparecese a día de hoxe. Unha chamada dunha embarcación deportiva alertaba a Salvamento Marítimo da presenza de redes aboiando no mar, que poderían poñer en perigo a navegación.

"Resulta que son partes da rede do Sin Querer Dos, onte na lancha dicíame que tiraban polo remolque e que non eran capaces de andar". Di o Patrón maior da confraría de Porto do Son, Emilio Queiruga.

Só se puido retirar unha pequena parte que saíu á superficie. Intentouse retirar o resto mesmo co remolcador María Pita pero máis redes e restos están enganchadas ao barco e a operación é complicada. De feito, a zona está agora balizada e xa se deron radioavisos alertando de que non é seguro navegar na zona. Na confraría do Porto do Son, onde custodian as redes que conseguiron recuperar, avisábannos da dificultade da operación.

"Incluso para o remolcador vailles custar traballo metelo porque son barcos que non están preparados para tanto peso, son toneladas", cóntanos o Patrón maior da confraría de Porto do Son, Emilio Queiruga.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/07/2019