CRTVG

Buscar

Sae desorientado dunha casa de citas e queda atrapado nun lavadoiro

Publicado o 16/02/2016 20:52

Este veciño de Ordes tivo que ser rescatado pola Policía Local

A choiva e o frío non foi o principal problema dun veciño de Ordes que decidiu gozar dunha noite de ocio en varios locais moi coñecidos na zona.

Tras saír do local outro home deixouno a un quilómetro en dirección contraria á súa casa, na parroquia ordense de Leira. Algo desorientado e sufrindo as temperaturas xélidas da noite, decidiu refuxiarse nunha vivenda, pero ao arrimarse ao lavadoiro caeu dentro.

O home quedou encaixado e non era capaz de usar o teléfono móbil. Os seus berros foron escoitados polos residentes na casa, que avisaron a Policía Local.

No lugar apareceu unha patrulla da Policía Local de Ordes que conseguiu sacar finalmente o home da súa singular trampa. Estaba ben e un taxi devolveuno ao seu domicilio.

Os axentes salientaron o humor co que o protagonista tomou o desenlace da aventura, que por unha vez tivo final feliz.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/02/2016