Sae cara a Marrocos o Buffin Bay despois de cinco meses de reparacións
O buque conxelador Baffin Bay, que levaba no porto de Vigo dende que se incendiara en decembro, partiu xa cara a Marrocos. Na cidade de Alhucemas procederase ao seu despezamento.
A embarcación sufrira un aparatoso incendio o pasado mes de decembro mentres realizaba labores de mantemento no porto vigués. O fume foi visible dende distintos puntos da cidade e causou danos que fixeron que se afundira.
Tivo que ser reflotado, cuns traballos que se prolongaron varias semanas, e permaneceu os últimos cinco meses no peirao de reparacións de Bouzas.
O plan de remolque deste buque conxelador ata Marrocos contou co visto e prace de Capitanía Marítima. O barco foi sometido a diversas e longas inspeccións a fin de avaliar o seu estado para realizar a travesía e mesmo se procedeu ao baleirado do tanque de combustible para evitar danos medioambientais.