CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Sae á luz o manuscrito inédito dun peregrino de 1610

Publicado o 05/03/2015 21:29



Sae á luz o diario inédito dun peregrino. Pero non un calquera. Este fixo o camiño hai 400 anos. Un libro recolle agora ese manuscrito con datos históricos, costumes e vivencias persoais do seu percorrido desde Valladolid a Compostela.

Corría o Ano Santo de 1610 cando Diego Guzmán comezou a súa peregrinación a Compostela para cumprir un voto do rei Filipe III. Durante o seu percorrido levou un diario onde narra o que viu e o que viviu no que daquela era unha dura e arriscada viaxe; un manuscrito de 25 páxinas que permaneceu inédito máis de catro séculos.

"Accedín a unha publicación de 1617, practicamente descoñecida e despois, tirando do fío sobre a persoa que veu en peregrinación había un diario que contiña as súas actividades como esmoleiro e capelán maior da súa maxestade. Ao consultalo atopei que había varias páxinas dedicadas a describir a viaxe que fixo a Santiago", explica o historiador Julio Vázquez.

A investigación tamén permitiu identificar na catedral algúns dos luxosos agasallos que trouxo ese enviado do Rei.

Agora a editorial Alvarellos en colaboración coa Xunta publica este libro de Julio Vázquez Castro que recolle o texto do manuscrito de Diego Guzmán, o estudo do achado e 40 ilustracións, entre elas algúns debuxos descoñecidos que mostran a Compostela do século XVII.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

05/03/2015