Sada di adeus ao polémico edificio do Náutico
A vista á ría desde o paseo marítimo de Sada quedará completamente despexada. O pouco que queda xa do edificio Náutico desaparecerá en cuestión de horas.
Foi construído no 1990 e dous anos despois, tras unha denuncia, o TSXG, en dúas sentenzas, obrigaba a demoler os excesos de edificabilidade que se produciron na súa construción. Sentenzas firmes tras a do Supremo hai 22 anos.
A finais de agosto varios veciños ocupárono durante nove días para tratar de impedir a súa demolición, porque consideraban que se podía rehabilitar e darlle un novo uso. en Sada, son moitos os veciños que din que é unha mágoa que desapareza o Náutico e que os case 125.000 euros que custa a demolición deberían investilos en rehabilitalo e convertelo nun centro de día, nunha gardería ou mesmo nun centro de consultas médicas. Consideran que esta actuación é unha agresión inxustificada e inxustificable ao patrimonio común.
Desde o Concello explican que con independencia das sentenzas do TSXG e do Supremo, amais do arquivo da súa execución forzosa, a derruba do edificio Náutico fundaméntase en razóns de interese público asociadas á eliminación dunha edificación sen título habilitante, construída de xeito ilegal e desconforme co planeamento vixente.